Lobete chega a un Celta en pé de guerra

Na internet popularizouse hai uns anos o meme 'This is fine', no que un canciño de debuxos gozaba dun café cun sorriso na boca mentres todo ardía ao seu arredor. Esa parece ser a situación actual en Vigo, onde entre os anuncios de novas fichaxes sucédense noticias preocupantes para a afección.
 
O 'txuri-urdin' acumulou 16 goles entre o primeiro e o segundo equipo da Real Sociedade durante as últimas tres campañas ligueiras. (Foto: Real Sociedade).
photo_camera O 'txuri-urdin' acumulou 16 goles entre o primeiro e o segundo equipo da Real Sociedade durante as últimas tres campañas ligueiras. (Foto: Real Sociedade).

Xa que logo, nesta ocasión a de cal, logo da renovación de Iago Aspas no Día da Patria, é a chegada de Julen Lobete procedente da Real Sociedade. Non obstante, o dianteiro xogará no filial, polo que o astro de Moaña continúa a ser o único '9' dispoñíbel para un Coudet que comeza a perder a paciencia ante a falta de reforzos de garantías, e desde o seu país xa apuntaron que o preparador arxentino deu un ultimato á directiva: ou reforzos, ou fará as maletas, algo nada sorprendente tendo en conta que a Vigo chegou tras un conflito similar cos responsábeis do seu anterior equipo, Internacional de Porto Alegre.

Ademais, e por se a tensión interna polas -ben diferentes- situacións de Santi Mina e Denis Suárez non fose abondo, o club decidiu que tamén o canteirán Sergio Carreira adestre á marxe do grupo, unha medida de presión para que acepte saír cedido que foi moi criticada pola afección.

Alberto Retuerta xa adestra ás ordes de Borja Jiménez

No outro estremo do país, A Coruña, o Real Club Deportivo da Coruña continúa fechando incorporacións para, agora si, tratar de lograr un ascenso a Segunda División que non se lle pode escapar por terceira campaña consecutiva.

A última foi a de Alberto Retuerta, un canteirán do Real Madrid de apenas 20 anos que achegará sangue nova ao lateral esquerdo. Dirixido a tempada pasada por Raúl González Blanco, onde disputou  11 partidos -10 de eles como titular- na Primeira Federación, leva na Casa Branca desde que asinou polo seu Alevín B no ano 2012 procedente do veciño Raio Vallecano. 

Apenas uns minutos despois de que o club oficializase a súa incorporación a través das súas distintas canles nas redes sociais, Retuerta saltaba ao céspede da Cidade Deportiva de Abegondo para coñecer os seus novos compañeiros e completar o seu primeiro adestramento ás ordes de Borja Jiménez.

O Lugo presenta Nyder Lozano, central que leva tres anos lesionado

Protagonista... pero non moito. O estadio Ángel Carro acolleu onte a presentación do colombiano Nyder Lozano como novo xogador do Club Deportivo Lugo, un evento sobre o que sobrevoou en todo momento o inesperado adeus de Juan Antonio Ros, que deixou a cidade da Muralla do decano da Segunda División para asinar co recentemente ascendido Albacete Balompié, dirixido polo responsábel técnico albivermello até o pasado mes de xuño, o galego Rubén Albés. 

"Ros era un xogador importante, contabamos con el, pero transmitiunos que non desexaba seguir aquí e, como o nivel de compromiso non era o necesario, buscamos o traspaso. Foi o mellor para todos", apuntou Carlos Pita, director deportivo do Lugo e ex compañeiro de vestiario a tempada pasada tanto de Albés como do central.

Volvendo a situar o foco sobre Lozano, o defensa de 28 anos vén ocupar o oco deixado por Ros, aínda que o seu rendemento é toda unha incógnita tras tres tempadas en branco a causa dunha gravísima lesión na tibia. De recuperar a súa mellor versión, sería unha gran fichaxe.

Comentarios