O Liverpool traspasa Iago Aspas ao Sevilla por 6 millóns de euros

O ex-céltico asinará un contrato que o vincula co clube andaluz até o 2018, segundo medios sevillanos.

Iago Aspas

Iago Aspas para o Sevilla, o clube que xa o quixo fichar o verán pasado. Finalmente, os andaluces terán na súa escadra a Aspas, após pactar Liverpool e Sevilla un traspaso por unha cantidade próxima aos 6 millóns de euros, segundo Diario de Sevilla. O de Moaña asinará un contrato coa entidade sevillista até 2018, un ano máis que o que rubricara co Liverpool.

Diario de Sevilla sinala que nun principio a operación ía ser de cesión con opción de compra, mais que esta segunda feira houbo un “xiro inesperado” que permitiu o traspaso. O Sevilla está moi interesado no galego, o Liverpool quería recuperar parte dos case 10 millóns de euros que pagou por Aspas e este quería relanzar a súa carreira após un ano ‘perdido’ na Premier. Eses son os motivos que coincidiron, di o Diario de Sevilla, para facer posíbel que Iago Aspas estea no clube andaluz.

Comentarios