Un crédito con Abanca permite ao Dépor aumentar o seu teito salarial

Sen débedas con Facenda, por que non pensar no retorno de Lucas Pérez?

O Deportivo pagoulle a quinta feira pasada a Facenda 43 millóns 600 mil euros. Con esa cifra dá por rematada a súa tormentosa relación coa Axencia Tributaria desde que o novo Consello de Adminstración se tivese que facer cargo da herdanza recibida, unha débeda de máis de 160 millóns de euros.

[Imaxe: RCD] Lucas Pérez, no partido contra o Betis
photo_camera Lucas Pérez, nunha acción nun Dépor-Betis

O clube herculino non figurará a partir de agora na lista das empresas debedoras de Montoro após lle pagar 82 millóns de euros nos últimos tres anos. Todos, correspondentes á débeda privilexiada. O concurso de acredores que deixou Lendoiro aos seus herdeiros no cargo só tivo unha pequena quita, 33 por cento. A do Celta por exemplo negociouse cunha rebaixa de até 85 por cento sobre algúns capítulos da débeda total acumulada. O resultado foi que ao Deportivo lle restaron 140 millóns de euros para pagar. Dos 140 millóns, 100 eran débeda privilexiada, e dos 100, máis de sesenta por cento, 62 millóns de euros, eran só de Facenda, en 2014. Este ano 2017 unha sentenza do Tribunal Supremo reordenou unha parte do concurso resolvido uns días antes da marcha de Lendoiro, obrigando a reconsiderar unha cifra. Os 21,7 millóns de euros que pertencían en principio á débeda subordinada tiñan que aparecer na privilexiada, polo que a asfixiante cifra co erario público ascendía a máis de 83 millóns de euros. E sen quita posíbel. De ningún tipo. Máis a pagar e menos tempo, porque o reloxo xa estaba a correr desde 2014. Facenda non reconsiderou ningún plan de pagos. A carteira de Montoro non ten previsto a revisión de novos planeamentos malia que os avatares xudiciais poñan en perigo o cobro do resto da mora. Facenda executa sobre o papel e punto, estea como estea a sociedade no momento do pago.

Convén lembrar que cando Tino Fernández se reuniu con Facenda apenas uns días após aterrar na presidencia do Deportivo, a Axencia Tributaria no se fiaba dos novos directivos. Así llelo dixeron. Daquela, outros casos como o do Raio Vallecano tiñan os xerifaltes do fisco alporizados. A imaxe dos directivos do mundo do fútbol para Facenda era a de auténticos profesionais dos calotes. Houbo conversas moi tensas, con palabras moi grosas e ameazantes de Facenda nos primeiros dous meses da xestión de Tino Fernández. A seguir a sinatura do convenio singular con Facenda, lograda polo actual consello de administración, o clube tivo que desembolsar 20 millóns de euros, que estaban xa embargados sen posibilidade nengunha de dar marcha atrás para a entidade da Praza de Pontevedra. Facenda cobrou un tipo de xuro de 2% anual, uns intereses que medraban proporcionalmente durante os 10 anos da devolución da débeda privilexiada. Pero, ademais, Facenda se facía cunha porcentaxe, 25%, dos traspasos de futbolistas propiedade do Deportivo. Reservábase ingresos pola participación do equipo herculino na UEFA ou FIFA. Cobraba unha parte dos ingresos percibidos polo clube branco e azul cando un dos seus xogadores fose convocado pola selección do seu país. Tamén se aseguraba unha parte dos dereitos de televisión, unha parte da recadación das quinielas e outros mecanismos de solidariedade estabelecidos no convenio da Liga. Ademais, Facenda obrigou o actual Consello de Administración do Deportivo a realizar unha ampliación de capital social de seis millóns de euros, reservándose un mínimo obrigatorio -1,5 millóns de euros-, que en caso de non cubrirse abriría a porta á liquidación executiva do Deportivo. Facenda, para garantir o cobro do máximo posíbel dos 83 millóns de euros (de débeda privilexiada), asegurou a execución das seguintes garantías: dereitos de televisión, dereitos de traspaso sobre os futbolistas, ben como avais sobre os inmobles e elementos patrimoniais da sociedade deportiva, entre outros. 

Facenda cobrou un tipo de xuro de 2% anual, uns intereses que medraban proporcionalmente durante os 10 anos da devolución da débeda privilexiada

Tamén convén lembrar que dos 83 millóns de euros -dito por Lendoiro en roldas de prensa, e así recollido máis tarde na sentenza do Tribunal Supremo que castigou o Deportivo co reordenamento da débeda privilexiada con 22 millóns de euros máis- 30 millóns de euros só eran de recargos de apremio, multas, sancións, actas e xuros que Facenda fora impoñendo ao clube por non estar ao día co fisco. Eses 30 millóns de euros son o que Lendoiro chamou débeda ficticia, mais que fixeron parte realmente das cuantías ás que o actual consello de administración tivo que facer fronte. Só na primeira semana dos novos responsables do Deportivo, cos cartos xustos para poder facer a viaxe dos xogadores para disputar a xornada e xa co concurso recén aprobado, Tino Fernández bateu coa sorpresa de que o clube «esquecera» pagar o IVE correspondente do último trimestre, o que lle supuña unha nova multa de Facenda, con 20% de recargo por saltar o prazo obrigado polo imposto.

Acabada esta temporada, co equipo salvado, o Deportivo, coa lousa da sentenza do Tribunal Supremo, víase na picota por enésima vez. O límite salarial da entidade para a temporada 2017/18 quedaba sobre o chan da Liga. O Dépor disporía do orzamento máis baixo do campionato para acometer as contratacións de futbolistas da vindeira campaña. O resultado das ligas é case calcado á relación co límite salarial. Estatísticamente o equipo coruñés estaba abocado ao descenso antes de comezar a competir, segundo se observaba no cadro comparativo que se esperaba. 

A partir da sentenza, firme e sen posibilidade de ser recorrida con éxito, só quedaba afrontar a negociación. Non facía falta esperar ao resultado final da Liga. Por iso, Tino Fernández tratou o asunto con Facenda no primeiro orde de prioridades desde o momento en que se coñezou o varapau. De Facenda non atopou facilidades, só esixencias. De nada serviu o bon cumprimento da sociedade co fisco. Facenda non entendeu de sentimentos, nin de cambio de xestión, nin de seriedade financeira acometida, nin de control ordeado dunhas finanzas que pasaron dunha penosa situación técnica á solvencia administrativa da empresa. O Dépor pasou da creba a recibir osíxeno nos primeiros meses coa nova xestión. Conseguiuno fichando José Benito González-Dans, licenciado en Empresariais, e cinco veces premiado a nivel nacional e internacional pola súa profesionalidade á fronte das contas de empresas de gran envergadura. O novo director financeiro e director corporativo do Real Clube Deportivo da Coruña foi o home encargado de poñerlle xeito ás contas, o reordenamento dos pagamentos, de cumprir rigorosamente cos planeamentos esixidos en canto á pontualidade no pagamento dos salarios e das obrigas aos fornecedores e todo tipo de axentes relacionados co clube, como bancos acredores, administracións públicas como Seguridade Social e Facenda, e outros avatares varios que foron golpeando na porta da Praza de Pontevedra, resolvendo cada nova sorpresa, cada novo segredo agochado baixo as alfombras dos despachos. 

tino

En vista de que as conversas con Facenda, pese a seren cordiais, non ían cara unha solución axeitada á positiva concorrencia da planificación deportiva, a Tino Fernández e o seu equipo económico só lles quedou unha saída. Atopar pulmón financeiro. Un crédito á empresa. As negociacións foron confidenciais, até o punto de que é resto de directivos non souberon da marcha delas até o final das conversas. Só Tino Fernández e o equipo económico do clube estaban ao tanto. O presidente deportivista entendeu que o socio de viaxe que o tiña que acompañar debía ser Abanca. A entidade financeira, agora en mans do banqueiro venezuelano Juan Carlos Escotet, puxo riba da mesa pouco a pouco as esixencias. As propias dun banco. As propias dun negocio financeiro, dun prestamista. O Deportivo tivo que preparar abondosa documentación para demostrar que en tres anos o clube lograra poñer a xestión en mans serias e confiables. Cadros de financiación exhaustivos, trazado dun business plan coherente e crible, novos proxectos comerciais en marcha, cadros de amortización axeitados, estimacións de ingresos futuros, dados sociais da fidelidade da masa social co clube, repatrimonización do clube, estudos comparativos cos seus directos competidores. Cada papel de ida tiña outro de volta. Unha nova esixencia.

Cando Abanca tivo claro que o Deportivo tería a solvencia para devolver o crédito que ía solicitar, chegaron as condicións para a concesión do  préstamo bancario. Á altura dun crédito de 45 millóns de euros. Un coste financeiro, é dicir, os xuros que son a marxe de beneficio para o banco, a proposta de garantías e unhas contrapartidas comerciais, como a publicidade que Abanca ía sacar desta cordial relación. Escotet -bon aficionado ao fútbol do seu país, fervente seguidor da selección de Venezuela, e sabedor da relevancia e do impacto económico que ten o deporte no mundo publicitario en América do Norte e do Sur- sabía que tiña ante si unha operación de imaxe magnífica. Deporte e publicidade en Estados Unidos, e nos países latinoamericanos que teñen a vista posta na mercadotecnia do veciño xigante do norte, conviven nunha simbiose perfecta. De aí que a visión de negocio de Abanca co Deportivo tiña que ir máis alá do beneficio económico. Tiña que pechar claves sociais relevantes para a entidade bancaria, e por ende, para as de Juan Carlos Escotet.

Riazor

Na contrapartida estaba o Deportivo, que o que precisaba negociar era tempo. Realmente co préstamo comprou tempo, un tempo necesario, para remansar augas excesivamente revoltas. Porque os 45 millóns de euros non mermaron a mochila recibida en 2014 co traspaso de poderes. A débeda é a mesma despois do préstamo. O único que muda desde a quinta feira é o prazo de amortización. O Dépor pagará en 15 anos o que tiña que pagar en 5 anos. A entidade herculina aforra case 9 millóns en xuros que ían parar ao peto de Facenda nese prazo de tempo, e pagará unha boa parte deles no triple de tempo e sen todas as esixencias pactadas no leonino convenio de Facenda, xa citado ao detalle anteriormente. O Dépor só lle debe a Facenda por débeda ordinaria 2.700.000 euros e por débeda subordinada 3.800.000 euros, que rematará de pagar no ano 2034.  

Co préstamo, o Dépor comprou tempo, un tempo necesario, para remansar augas excesivamente revoltas

A escenificación do acordo produciuse na sede central do banco, na coruñesa Rúa Nova, no centro da cidade, nunha concorrida rolda de prensa. Co préstamo bancario, o Real Clube Deportivo de A Coruña poderá reestructurar os pagos os acredores pasados, fortalecer o seu proxecto institucional e deportivo e poderá fichar e ter futbolistas de maior calidade para acadar a súa meta: seguir en Primera División.

O acordo non é só un empréstimo económico, tamén leva asociados outros compromisos. O máis visible verase no estadio, sendo que Riazor a partir de agora será rebautizado co nome da entidade, Abanca Riazor. Riazor será un apelido durante os próximos anos. Polo menos até 2025. Para que fose posible que o estadio mude o seu nome, só cando xogue partidos oficiais o Deportivo, foi necesario o compromiso e o visto e prace do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, que non puxo atrancos á operación. Cuestión que se resolverá na vindeira xunta de goberno do concello, onde os edís darán o apoio para o estadio ter nome e apelido os próximos anos. Esta condición era sine qua non para que Abanca dese o definitivo respaldo para a concesión do crédito. 

Na presentación, ambos os presidentes tratáronse como socios dun negocio. Trocaron flores sobre o significado de Abanca na Galiza, desde que o banqueiro venezuelano tomou as rendas da rescatada entidade financeira galega. O estado inxectou na entidade 9.000 millóns de euros, perdas xeradas pola excesiva exposición á burbulla inmobiliaria e pola estafa das preferentes. As marcas Caixa Nova, Caixa Galicia, e por arrastre, NovaCaixa Galicia e posteriormente Nova Galicia Banco, estaban absolutamente queimadas pola neglixente actuación das súas cabezas visibles, que hoxe cumpren penas de prisión no cárcere de A Lama, salvo a de José Luis Méndez, que cambiou o seu domicilio habitual a Madrid debido aos problemas que padece nalgúns locais públicos da Galiza onde Méndez é recoñecido. Escotet comprou o banco rescatado por 1.000 millóns de euros en catro prazos, mudou a marca, e puxo en marcha un plan de negocio tradicional. Prestar cartos e facer seguros. Nese plan tivo que incluír desfacerse dunha carteira de inmobles e negocios ruinosos que xa aprovisionou a perdas, e dos que só cabe contar con beneficio por mínimo que este sexa. 

Máis alá dos personalismos e dos intereses comuns, Juan Carlos Escotet quixo facer fincapé especial no significado da operación. Subliñou que este empréstimo “fai viable o Dépor e o fortalece para poder competir de forma moi diferente a cómo o fixo nas últimas temporadas. Este acordo inclúe un plan financeiro serio e unhas garantías de devolución que o fan posible. É unha aposta por un proxecto deportivo e un estadio á altura do clube, da cidade e da Galiza”, explicou o banqueiro.

Parte do crédito aportado por Abanca destinarase a unha reforma integral do estadio. Nos próximos anos, o inmoble sofrerá un cambio moi singular. Investirá 7 millóns de euros, a maior cantidade que recibiu Riazor desde o Mundial 82.

Tino Fernández lembrou que, malia ter obtido o empréstimo, o clube continúa a deber os mesmos cartos [antes a Facenda, agora a Abanca]. “Imos ser máis competitivos pero temos que facer fronte á débeda porque non desapareceu. Seguimos tendo que ser austeros. Imos coidar estes cartos, e a confianza que se nos está a dar, como se fose o último euro que lle quedase os nosos fillos. Esta inxección de cartos pódese traducir ao longo dos vindeiros anos, pero seguirá habendo xente (outros clubes) que terán máis cartos ca nós”, lembrou.

Tino Fernández salientou que malia ter un importante préstamo o clube segue debendo os mesmos cartos

Escotet -que definiu Tino Fernández como un home que respecta a palabra dada, o que o torna confiábel como destinatario do préstamo- atreveuse a poñer deberes aos xogadores. Como partícipe ou socio que é Abanca a partir de agora no proxecto do Deportivo, o banqueiro venezuelano dixo que se debe esixir o máximo aos futbolistas que vistan a camiseta do Deportivo, o que fai pensar que desde agora os futbolistas teñen dous presidentes que esixirán rendemento e resultados. Un financeiro, Escotet, e outro executivo, Tino Fernández.

Malia ser inqueridos os presidentes por Sermos Galiza acerca das garantías que o Deportivo ten que depositar para o pagamento do crédito, no caso de que non se puidesen afrontar nalgún momento, apelaron á reserva de confidencialidade do documento asinado, aínda que o presidente de Abanca non desmentiu que esas garantías fosen contra os futbolistas que fagan parte do plantel dese ano en cuestión. Tampouco desvelaron que coste financieiro leva aparellada a operación, é dicir, o beneficio económico que Abanca obtén por prestar os cartos ó Deportivo. A confidencialidade das cláusulas do contrato saíu de novo a escea para esquivar a pregunta sobre os xuros que terá que pagar o clube por este empréstimo. 

Fernández e Escotet escudáronse na confidencialidade do contrato para esquivar a pergunta sobre os xuros que terá que pagar o clube por este empréstimo

Co acordo oficializado fica por saber até que chanzo sobe o Deportivo canto ao límite salarial da vindeira temporada. Todo fai supoñer que suba por volta de 50% máis que o ano pasado, polo que o Deportivo podería gastar até un máximo de 35 millóns de euros no seu cadro de futbolistas e resto de asalariados. 

Depor

Esta semana coñeceranse algunas operacións que están en marcha. Unha delas, xa está confirmada, como a venda do arzuán Pablo Insua ao Schalke 04 alemán. O Deportivo negocia a posíbel marcha de Juanfran e a de Sidnei, entre outras. Tamén poderían estar na rampa de saída Arribas ou de Albentosa

Entre as altas confirmadas están a do talentoso punta arxentino Fede Cartabia, sendo que o Dépor se fixo cos seus dereitos en inverno, a do mediocentro uruguaio Federico Valverde, cedido polo Real Madrid, e a do brasileiro Guilherme após pagáranse 5 millóns de euros por facerse coa propiedade dos seus dereitos deportivos. Mais aí non fica todo, con máis diñeiro que gastar no peto, o Deportivo soña e traballa para tratar de lograr o regreso do novo fillo pródigo branco e azul: Lucas Pérez

Nota: As fotografías inseridas no texto, todas tiradas do web do Dépor, son (1). Escotet, á esquerda, e Fernández; (2). O estadio que apartir de agora se vai chamar Abanca Riazor; (3). Os xogadores do Dépor celebran a permanencia esta temporada

Comentarios