A Liga pon a proba ao Celta logo do tropezo copeiro

Ademais, Deportivo, Rácing de Ferrol e o filial celeste regresan á acción tres semanas despois na Primeira RFEF.
O rendemento de Iago Aspas será fundamental para que a formación olívica se recupere da inesperada derrota ante o Atlético Baleraes. (Foto: EP).
photo_camera O rendemento de Iago Aspas será fundamental para que a formación olívica se recupere da inesperada derrota ante o Atlético Baleraes. (Foto: EP)

Como pode cambiar tanto un equipo en menos de 72 horas? O pasado domingo, o Celta protagonizaba unha exhibición na casa do Betis, o terceiro clasificado dunha das mellores ligas do mundo, pero na noite da cuarta feira víase totalmente superado por un conxunto da terceira categoría do fútbol que o deixou, un ano máis, prematuramente eliminado da Copa.

A cuestión é: a que se debe esta particular interpretación do Dr. Jekyll e Mr. Hyde que está levando a cabo o cadro vigués e cal será a cara que mostrará no compromiso que o enfrontará con outro dos pesos pesados da Liga, a Real Sociedade, este domingo no Estadio Municipal de Anoeta a partir das 16.15 horas?

Logo da dolorosa eliminación copeira, o preparador olívico, Educardo 'Chacho' Coudet, recoñeceu que o choque ante os vascos estaba na súa mente antes do partido ante o Atlético Baleares, e recoñeceu que tivo que "regular" os minutos dos seus xogadores, minguados a causa dos efectos da Covid-19 e as súas consecuencias, que lles impediron adestrar durante varios días.

Este encontro ante a Real Sociedade resulta transcendental para os intereses celestes, pois unha derrota suporía un adeus practicamente definitivo ás ambicións europeas do club. Décimo segundo clasificado con 23 puntos, de conseguir derrotar os de San Sebastián, sétimos con 30, o Celta axexaría por primeira vez uns postos que aínda non ocupou en toda a tempada.

Lugo-Mirandés: duelo de rivais directos na Segunda

E se o Celta está practicamente obrigado a gañar, non menos presión recae sobre os ombreiros do Club Deportivo Lugo, que recibe a visita no Ángel Carro (domingo, 16 horas) dun rival directo pola permanencia.

Porque, a pesar das boas sensacións que habitualmente transmiten sobre o céspede os xogadores dirixidos por Rubén Albés, a realidade é que as vitorias lucenses (4) cóntanse cos dedos dunha man e que o seu título de Rei do Empate na Segunda División (12) nunha Liga que concede tres puntos por triunfo lonxe de ser unha distinción podería tornar nunha condena a morte.

A realidade é que a escuadra albivermella ocupa a décimo oitava posición na táboa, o último posto antes do descenso, e que un novo empate -ou unha derrota- ante un Mirandés que ten dous puntos máis que os galegos na clasificación (26) podería perturbar a tranquilidade que caracterizou a primeira volta dun Lugo que non cae nese pozo desde a cuarta xornada.

Neste sentido, o defensa madrileño Álex Pérez afirmou en rolda de prensa que será "un partido difícil", pero que o teñen "todo analizado", e que tanto el como os seus compañeiros están "máis que preparados" para afrontar un choque no que están en xogo "tres puntos moi importantes"

 Os galegos da Primeira RFEF, a copar a zona alta

A Primeira RFEF e os tres representantes galegos na mesma regresan logo dun longo stop de tres semanas co común obxectivo de copar a zona alta da clasificación. 

O líder Deportivo e o Celta B saltarán ao terreo de xogo á mesma hora, concretamente ás 12 de mañá. Os herculinos chegan a este partido con tres grandes novidades: o adeus do lateral Alberto Benito e a chegada do estremo Álvaro Rey, así como a de Alejandro Antón, que se incorporou ao corpo técnico do primeiro equipo deportivista en calidade de analista.

Pola súa banda, o filial celeste afronta un desafío de maior entidade ante a SD Logroñés, pois ambas as escuadras comparten  a meta de meterse nun play-off no que está actualmente instalado un Rácing de Ferrol que debe sumar os tres puntos no encontro ante o Dux Internacional (sábado, 15.45 horas) propiedade de Thibaut Courtois e o galego Borja Iglesias.

Comentarios