A Liga pasa por Barakaldo para o Atlético Guardés

O Balonmán Porriño, pola súa banda, quere reeditar a fazaña da pasada xornada ante o Bera Bera superando un gran conxunto como é o Gran Canaria
A cabeza da táboa está ao alcance das do sur da Galiza. (Foto: Sportcoedo).
photo_camera A cabeza da táboa está ao alcance das do sur da Galiza. (Foto: Sportcoedo).

Apenas sen tempo para saborear o triunfo en Viena na EHF European Cup, nin para pensar en culminar a eliminatoria o vindeiro domingo, o Mecalia Atlético Guardés afronta esta cuarta feira un novo compromiso, neste caso correspondente á quinta xornada da Liga Guerreiras Iberdrola, partido adiado no seu momento, precisamente, a causa da disputa da devandita competición europea.

O conxunto  miñoto visita Barakaldo para medir forzas co sempre duro Zubieta Evolution  Zuazo (20.20 horas) nun partido fundamental para non perder corda cos postos cabeceiros da táboa.

E é que os fallos de Bera Bera -que empatou en Porriño- e Rocasa Gran Canaria -que perdeu en Valladolid- comprimiron ao máximo a clasificación, co que a escuadra dirixida por José Ignacio Prades ten en Euskadi unha oportunidade de ouro para asaltar a zona nobre da táboa.

Mais para iso terá que pasar por enriba dun Zuazo que sempre é incómodo, especialmente na súa pista, como demostra a súa recente vitoria ante un bo equipo como é o Morvedre (37-28), polo que o escaso número de puntos que leva sumados até o de agora son un espellismo que non reflicte o traballo que pasaron para superalo bloques tan sólidos como os de Elxe ou Granollers.

O Porriño viaxa a Canarias

Pouco menos dunha hora antes de que comece o partido do Guardés, concretamente ás 19.30 horas, o Balonmán Porriño saltará ao parqué do Pavillón Insular Antonio Moreno de Telde para xogar contra o Rocasa Gran Canaria, líder da máxima categoría do balonmán Estatal até a súa derrota contra o Valladolid na pasada xornada.

A escuadra do sur da Galiza, pola súa banda, chega na novena posición e logo de asinar un valioso empate ante o Bera Bera, polo que Ismael Martínez, técnico do Conservas Orbe Rubensa Balonmán Porriño, pensa que as súas xogadoras "terán opcións", a pesar de laiarse de "non poder preparar o partido" como lle gustaría.

"Penso que a chave pode estar en saber que temos as nosas bazas, sobre todo a nivel ofensivo.

Ademais, se somos quen de controlar o seu lanzamento exterior e o seu xogo con pivote, teremos moitísimo traballo feito", salientou un Martínez que quixo destacar o traballo que vén realizando Pavlovic.

Comentarios