A Liga feminina de fútbol será profesional o día 14 de marzo

O CSD anuncia a inminente aprobación dos estatutos do campionato.
O Deportivo Abanca, segundo clasificado na Segunda División, representa a única opción da Galiza de estar representada o próximo ano. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O Deportivo Abanca, segundo clasificado na Segunda División, representa a única opción da Galiza de estar representada o próximo ano. (Foto: RC Deportivo).

Tarde, moi tarde, con practicamente un ano de atraso, pero finalmente a Comisión Directiva do Consello Superior de Deportes (CSD) aprobará os estatutos da nova liga feminina profesional, a oito meses vista da súa consideración nominal como tal e a case ano e medio desde que comezase todo o procedemento para a súa creación, o 1 de decembro de 2020. 

A súa rúbrica sobre o papel, se nada o impide, terá lugar o vindeiro 14 de marzo.  Así o afirmou o presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), José Manuel Franco,  que aproveitou o Día Internacional das Mulleres para pór en valor o "esforzo brutal" que sostén que fixeron desde o organismo que dirixe para "percorrer un camiño que representa un inicio, pois levarase a outros deportes". 

A partir dese momento, o seguinte paso deberá ser a inscrición da entidade no rexistro do Consello Superior de Deportes e a designación da persoa que ocupará a presidencia dunha liga que se estreará no verán de 2022 e na que as únicas opcións de representación galega caen exclusivamente sobre os ombreiros das xogadoras do Deportivo Abanca. Único equipo do país na Segunda División -coñecida comercialmente como Reto Iberdrola-, a día de hoxe ocupa a segunda posición a tres puntos de distancia do FC Levante Las Planas, líder da categoría.

De folgas, pandemias e paus nas rodas

A loita das mulleres futbolistas pola profesionalización conta con anos de traxectoria ás súas costas, mais foi a raíz do ano 2019 coa convocatoria dunha histórica folga no mes de novembro que paralizou por completo a actividade na máxima categoría cando subiu de nivel.

Esixían a sinatura dun convenio colectivo, o primeiro no fútbol feminino no Estado español, que finalmente chegou en febreiro de 2020. A pandemia adiou todo o proceso durante varios meses, e non sería até decembro de 2020 cando comezasen os contactos entre Goberno, federación e clubs. Xa en xuño de 2021 a Comisión Directiva do CSD cualificaba como profesional a Primeira División, abrindo unha espita que se fechará o 14 de marzo.  

A FIFA altera as ligas rusa e ucraína

Sen saír do fútbol, o Bureau do Consello da FIFA, máximo organismo reitor no mundo do deporte rei, determinou na xornada de onte unha serie de normas "transitorias" que alteran substancialmente o mundo do fútbol en Ucraína e Rusia.

A primeira delas é que os equipos que conforman a Liga Premier de Rusia están obrigados a facilitar a saída dos xogadores e adestradores estranxeiros enrolados no devandito campionato, entre os que se inclúen estrelas do nivel do ex blaugrana Malcom, o seu compatriota Douglas dos Santos e o colombiano Wilmar Barrios.

A data límite para que os interesados rescindan unilateralmente os seus contratos está fixada no día de mañá, e poderán ser inscritos por clubs de calquera outro campionato até o vindeiro 7 de abril.

Con respecto á liga ucraína, a FIFA tomou unha medida aínda máis estrita "para protexer os clubs e os xogadores": "A menos que as partes asinantes explicitamente acorden o contrario, todos os contratos de traballo de adestradores e xogadores estranxeiros danse por rescindidos con efecto inmediato e até o 30 de xuño".

Comentarios