La Liga denuncia os cánticos de 'maltratador' en Balaídos a un futbolista do Betis procesado por violencia machista

Recolle no escrito que remite a Anti-violencia que até en 3 ocasións afeccionados celestes corearon 'Rubén Castro, maltratador'. A xustiza imputou o xogador bético por 4 delitos de maltrato á súa ex-compañeira.

ruben castro
photo_camera Castro nunha homenaxe

La Liga remite á Comisión anti-violencia un informe no que denuncia aqueles cánticos que na xornada 33 da competición entende que “incitan á violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte”. No escrito de denuncia elaborado polo organismo presidido por Javier Tebas adícase un amplo espazo ao encontro que Celta e Betis desputaron a pasada fin de semana en Balaídos

Nese escrito recóllese como até en tres ocasións (minutos 31, 32 e 44), grupos de afeccionados do Celta corearon 'Rubén Castro, maltratador'. Recóllese no documento mesmo as zonas do estadio vigués de onde procedían os cánticos e se estes tiñan seguimento noutras ubicacións de Balaídos e durante canto tempo.

Este xogador bético está procesado por catro delitos de maltrato e un quinto de ameazas á súa ex-compañeira. A xustiza atribuiulle, entre outras agresións, propinar á súa ex-parella unha patada no estómago ou causarlle un hematoma no ollo esquerdo.

Os sectores ultras dos seareiros do Betis teñen amosado publicamente o seu apoio a Rubén Castro, mesmo con cánticos machistas no estadio bético en varios partidos de fútbol: «Rubén Castro alé, Ruben Castro alé, no fue tu culpa, era una puta, lo hiciste bien» é o retrouso dun dos cánticos.

A Fiscalía de Sevilla arquivou en xuño de 2015 as dilixencias de investigación abertas por eses cánticos vexatorios proferidos desde o fondo sur do estadio Benito Villamarín.

Comentarios