O Celta comeza a liga co partido dos bos recordos, o Lugo recibirá o Numancia e o Dépor podería arrancar contra...Valerón!

Xa se coñece o calendario da Primeira e Segunda División estatal.

O Celta, único equipo galego na Primeira división do fútbol estatal, xa coñece o calendario da próxima tempada 13/14. O conxunto que agora dirixe Luis Enrique arrancará como acabou o exercicio anterior, fronte ao Espanyol en casa, encontro de recordos felices posto que supuxo a salvación dos celestes. O peor do sorteo para os vigueses foi a recta final da campaña, posto que nas dúas derradeiras xornadas terán como rivais aos poderosos Real Madrid e Valencia.

Se os célticos botarán de menos na tempada ao seu símbolo Iago Aspas, na Coruña un Dépor de regreso a Segunda división terá que comezar -o 18 de agosto, como no caso de Primeira- viaxando a As Palmas para medirse ao equipo local, que está en negociacións para fichar a un gran referente branquiazul que tamén deixou o club en xuño, como é o caso de Juan Carlos Valerón, que medita se volver ao conxunto onde se formou ou marchar á liga de Qatar.

Pola súa parte, o Lugo comezará a competición no Anxo Carro fronte a un clásico da categoría como o Numancia. Os encontros máis esperados na cidade amurallada serán os derbis contra o Deportivo, que terán lugar en Riazor o 1 de decembro e en Lugo o 4 de maio.

Comentarios