O liderado do Dépor, a única boa noticia da xornada para o fútebol galego de elite

Imposíbel optimizar mellor os seus resultados. Con só 16 goles a favor en 15 xornadas, o Deportivo é líder do campionato de Segunda División. O segredo? Os apenas 8 tantos encaixados. O Dépor gañou en Ponferrada (0-1),  a única boa noticia para as equipas galegas. Na Primeira División, o Celta caiu o sábado en Donosti (4-3) e o Lugo, este domingo na casa perante o Sporting.

depor
photo_camera Culio marca de penalti o gol do Dépor

Un solitario gol de Culio de penalti -lanzado maxistralmente, con suavidade polo centro da baliza, co porteiro xa vencido ao pau esquerdo- abondou para o Deportivo sumar un novo triunfo fóra do seu estadio, e xa van 6.

O Dépor tirou rendabilidade á súa extraordinaria orde defensiva e a un portentoso Lux, un muro demasiado groso para a voluntariosa Ponferradina. Certo é que a equipa de Fernando careceu do control do xogo, mais non é menos verdade que a forma en que o combo galego transita, e con grande suceso, polo categoría é xusto esa: a bola para a equipa rival e aquí non se desorganiza ninguén.

A vitoria coloca o Deportivo con 29 pontos, 2 por enriba do Recreativo e 3 de vantaxe sobre o Las Palmas, que agora marca a fronteira entre o ascenso directo e a promoción. Xusto por debaixo viaxa o Lugo, que caiu no Anxo Carro (1-3) fronte ao Sporting de Xixón. Derrota dolorosa porque o fútebol estivo do lado dos galegos, mais os goles, infelizmente, quen os puxo foi o combo asturiano.

Rafinha acha o camiño do gol

A próxima xornada emparellará en Riazor a Dépor e Lugo, nun encontro cheo de alicientes, nun duelo apaixonante entre dúas equipas con sensibilidades ben distintas, o pragmatismo defensivo de Fernando face a ambición ofensiva de Setién.

A historia do Celta en Donosti foi a dun partido xogado de poder a poder, cunha equipa galega que chegou a se pór cun 1-3 no taboleiro de marcas, propulsada por un Rafinha que achou de vez o camiño do gol, canda a un Álex López xa máis habitual nesas lides.

A mágoa para o Celta é que enfrente bateu cun goleador febril, en estado de graza, o mexicano Carlos Vela, autor de catro goles, un killer que se bastou para finiquitar o partido.

Foto tirada de @RCDeportivo

Comentarios