O Liceo será cabeza de serie no bombo da Copa de hóckey a patíns

Como sempre, o Barcelona será o rival a bater
O Liceo levantou a Copa por última vez no ano 2021 (Foto: Hóckey Global)).
photo_camera O Liceo levantou a Copa por última vez no ano 2021 (Foto: Hóckey Global)).

As prazas para a Copa do Rei de hóckey sobre patíns 2023 xa están definidas. A disputa da décimo terceira xornada de competición na OK Liga esta pasada fin de semana fechou a primeira volta e permitiu coñecer os nomes dos equipos que loitarán por facerse co título copeiro entre os días 2 e 5 de marzo na localidade catalá de Calafell.

O Fútbol Club Barcelona, actual campión, disputou unha primeira volta sobresaínte con 12 vitorias e un empate, e xunto co Deportivo Liceo -segundo clasificado con 10 triunfos e tres derrotas-, CE Noia Freixenet e Reus Deportiu Virginias, serán os catro cabezas de serie da competición

No segundo bombo estarán o anfitrión do torneo do KO, o Parlem Calafell, o Igualada Rigat HC, o Recam Làser CH Caldes e o Club Patí Voltregà Stern-Motor. O equipo de Sant Hipòlit conseguiu o billete nesta última data despois de vencer a domicilio a Noia Freixenet.

Proximamente, o Comité Nacional de Hóckey sobre Patíns anunciará a sede e a data do sorteo do cadro de competición, así como os horarios e as canles oficiais de televisión que retransmitirán os partidos dos conxuntos participantes, incluídos os do Liceo.

O Liceo feminino perde, pero fai historia

A sección feminina da escuadra herculina non comezou con bo pé a súa primeira andadura na Liga Europeoa, pois perdeu co Manlleu no Pazo de Riazor por un gol a tres. O conxunto verdibranco prantou cara ante un rival teoricamente superior, conseguindo recuperarse grazas a un tanto de Lara Yáñez logo do gol inicial do Manlleu, pero acabaron  por sucumbir fronte o poderío das de Jordi Boada. Agora, toca volver centrarse na liga até o próximo compromiso continental, o 4 de febreiro co Noisy Le Grand francés. 

Comentarios