O Liceo reafírmase como líder coa novena vitoria seguida

A escuadra coruñesa superou o Noia (1-4)
O conxunto galego non ten rival na OK Liga.(Foto: HC Liceo).
photo_camera O conxunto galego non ten rival na OK Liga.(Foto: HC Liceo).

O Deportivo Liceo non ten rival na actualidade, pois alcanzou un nivel de xogo que practicamente linda coa perfección. Os cataláns do Noia Freixenet poden dar boa fe diso logo de caer na súa casa por 1-4 contra os galegos, que suman así a súa novena vitoria consecutiva e reafírmanse como indiscutíbeis líderes da OK Liga de hóckey.

Torrelavit acolleu o choque entre ambos os conxuntos ante as obras que se están a desenvolver no Pavillón do Ateneu, onde habitualmente xogan como locais. Con todo, os de Sant Sadurní viñan obtendo importantes triunfos na súa nova casa... até que toparon co Liceo.

A escuadra herculina saíu á pista moi cautelosa, sen ningún alarde de favoritismo, o que a conduciu a adiantarse no marcador aos seis minutos de partido.  O que colou a bóla foi Dava Torres, que viu porta unha xornada máis, pero a xogada individual previa de Jordi Adroher foi medio gol.

Roc Poxadas tivo unha ocasión para empatar no minuto 16, pero Carles Grau desbaratou a execución de falta directa do xogador de  Osona. Na outra portería,  Xus Fernández tamén parou unha directa a Adroher cando corría o 19 no electrónico pero, pouco despois, Torres asinaba o seu dobrete para enviar os equipos ao vestiario con 0-2.

Intensidade e infraccións

Logo dunha primeira metade moi intensa na que ambos os equipos se cargaron de infraccións -até o punto de alcanzar as oito e as nove, respectivamente, con só 13 minutos disputados- a segunda metade continuou nesa tónica, como poden dar fe as dúas novas faltas directas que se pitaron no minuto nove da segunda metade.

Adroher errou, pero afortunadamente o local Ferrer tamén topou co ferro da portaría liceísta. Os de Juan Copa foron quen de xestionar a súa vantaxe de dous tantos, axudados por unha inferioridade temporal do rival froito dun cartón azul a Manrubia que no pos partido os cataláns cualificaron de "moi rigoroso".

As cousas complicáronse logo dun cartón azul contra o Liceo e o tanto de Ballart, que recortou distancias a cinco minutos do final (1-2), pero Adroher si puido transformar as súas terceira e cuarta falta directa (1-3 e 1-4), sentenciando así un partido que rematou con incidentes provocados polo mal perder do Noia.

Comentarios