O Liceo, a polo oitavo triunfo e o liderado ante o CH Lloret

Continúa a xira dos coruñeses por terras catalás.
A expedición galega, antes do comezo do partido ante o Voltregà. (Foto: HC Hóckey).
photo_camera A expedición galega, antes do comezo do partido ante o Voltregà. (Foto: HC Hóckey).

Imbatíbeis. Non hai mellor palabra para definir o Deportivo Liceo neste comezo de tempada 2020/21. A súa próxima vítima podería ser o Lloret, hoxe ás 20 horas, nun encontro que se desenvolverá en territorio catalá e que foi suspendido no seu momento a causa da Covid-19. De conseguir a vitoria, os coruñeses consolidaríanse como líderes e grandes favoritos ao título da OK Liga.

O choque chega apenas dous días despois de que conseguise ante o Club Patí Voltregà (1-4) a súa sétima vitoria consecutiva, que marcou unha nova etapa na pequena pero intensa xira de partidos que o conxunto galego levou a cabo esta semana por terras catalás.

Juan Copa definira antes do encontro o Voltregá como "un rival sempre complicado", e non se equivocou. A pesar de que os verdibrancos tiveron clara esa premisa desde o primeiro minuto de partido, a solidez defensiva do equipo de Manolo Barceló xeroulle problemas, que se multiplicaron cando a escuadra da comarca de Osona anotou o gol inicial, obra de Teixidó de falta directa no minuto 12.

Afortunadamente, o potencial do Liceo impúxose e foi quen de empatar o partido tan só cinco minutos despois a través do capitán Dava Torres, autor dun potente disparo moi afastado que superou o porteiro Blai Roca, que foi o mellor dos seus, detendo oportunidade tras oportunidade do Liceo coas súas intervencións, incluída unha realmente clara a Franco Platero cando o arxentino parecía transformar o segundo gol herculino.

Roca, un muro

Se a primeira parte do partido deixou unha exhibición do porteiro local, na segunda non estivo peor a pesar de recibir tres goles máis.

Roca ofreceu un amplo catálogo de paradas, mais non foi quen de evitar por si só a remontada do Deportivo Liceo, que chegou cun gol de Marc Grau que subiu o 1-2 ao marcador. 

Os liceístas acumularon un número considerábel de faltas -nove a seis minutos do final-, pero unha en concreto decantou o partido, pois Adroher superou o muro de Blai Roca logo de que Arnau Canal vise o cartón azul, tanto que precedeu o 1-4 definitivo, estabelecido por Dava Torres nos últimos dous minutos de partido, cando o Voltregà xogaba con cinco xogadores de campo.

Comentarios