Hóckey

O Liceo feminino colapsa e nace "unha nova entidade"

O hóckey galego "seguirá na elite", aseguran desde o conxunto herculino, que garante a continuidade do equipo na cidade.
As galegas van a por todas. (Foto: HC Liceo)
photo_camera A nova entidade continuará, di o Liceo, coa súa sede na Coruña. (Foto: HC Liceo)

Existe un vello refrán que di: "Tantas veces vai o xerro á fonte que dunha rompe". Ese foi exactamente o caso do Liceo feminino, o único representante da Galiza na máxima categoría de hóckey estatal, que vén de confirmar o ruxerruxe do seu colapso a través das súas canles oficiais.

A excelente actuación das xogadoras sobre as pistas -esta campaña estreáronse na Copa de Europa, alcanzando os cuartos de final, e ficaron a un só chanzo na fase regular da OK Liga de coarse no play-off polo título ligueiro- contrastaba coa sucesión de polémicas fora das mesmas.

Deste modo, as mesmas mulleres que protagonizaban esas xestas, denunciaban que, mentres que os seus compañeiros do Liceo masculino levaban a cabo os seus desprazamentos en avión, elas tiñan que viaxar cada 15 días até Catalunya -de onde son a meirande parte das súas competidoras- en furgoneta, unha discriminación que só se solucionou cando un grupo de seareiros e seareiras decidiu aboarlles os boletos de avión.

Tamén criticaron os impagos nas súas nóminas, situación que chegou aos xulgados da man de Kay Guscin, pero o pasado mes de decembro o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) deulle en parte a razón ao club verdibranco indicando que "non existía discriminación".

Porén, si que recoñeceu unha débeda económica coa porteira, embargando hai unha semana as contas do equipo para satisfacela, uníndose a unha sentenza similar en favor doutro ex xogador dos Diaños Verdes, Roberto Di Benedetto.

Neste contexto, o Liceo, que non oculta a "complicada situación" que atravesa -iso si, "temporalmente, afirma-, comunicou que chegou a un acordo para a "cesión" da praza de OK Liga feminina a unha "nova entidade que se fará cargo da xestión deportiva e económica do equipo".

"A decisión está baseada unicamente en motivos económicos, que fan inviábel a continuidade do proxecto e que pon fin a unha etapa na que o Hóckey Club Liceo dedicou innumerábeis esforzos económicos para conseguir que os seus dous primeiros equipos lograsen éxitos deportivos", engadiu, apostilando que os compradores cambiarán o nome ao club, pero que "manterán" a súa sede na cidade herculina.

Comentarios