O Liceo desafía o Reus na final da OK Liga

Enésimo capítulo do eterno duelo galego-catalán no hóckey a patíns.
Consciente de que o apoio do público será fundamental, a directiva decidiu que o acceso ao primeiro partido da final sexa de balde. (Foto: Deportivo Liceo).
photo_camera Consciente de que o apoio do público será fundamental, a directiva decidiu que o acceso ao primeiro partido da final sexa de balde. (Foto: Deportivo Liceo)

A tempada 2012/13 foi a última na que o Deportivo Liceo levantou o título ligueiro, un trofeo que chegou despois de 20 anos de seca. Hoxe (Pazo de Riazor, 21 horas), o conxunto verdibranco afronta unha oportunidade de ouro de volver ser o mellor equipo do Estado nunha final da OK Liga na que, cousa rara, non se enfrontará co seu eterno rival, o Fútbol Club Barcelona, senón co Reus Deportiu.

Pode ser unha analoxía moi manida, pero non por iso perde vixencia. Como acontece nos cómics de Astérix, o Liceo da Coruña, o único equipo non catalán na máxima categoría do hóckey a patíns -esta tempada 2021/22 coa fugaz excepción do Alcobendas, que rematou o campionato como fechacancelas e volverá á OK Liga Prata-, erixido en resistente aldea gala, quere volver augar a festa dos poderosos romanos, algo que xa fixo en sete ocasións: 1983, 1986, 1987, 1990, 1991, 1993 e 2013. 

Os verdibrancos chegan a este duelo após deixar fóra o Noia nunha igualadísima eliminatoria que se decidiu no quinto e definitivo partido, disputado precisamente nun Pazo de Riazor que acollerá na noite de hoxe o primeiro round dunha finalísima que ten previsto o seu segundo duelo o domingo 12 de xuño, tamén no Pazo de Riazor ás 12 horas. Logo, a acción desprazarase até o Palau d'Esports de Reus (17 de xuño, horario por determinar). Dependendo dos resultados podería ser necesario que se levasen a cabo un cuarto encontro (19 de xuño, Reus) e mesmo un quinto e definitivo, onde o Liceo recuperaría o factor campo, o 21 de xuño na Coruña. 

A pesar de que a escuadra galega finalizou nunha mellor posición que o seu rival a fase regular da OK Liga -o Liceo foi segundo con 65 puntos, 17 máis que un Reus que rematou en cuarta posición- iso non quere dicir que sexa favorita, pois no último duelo decisivo que protagonizaron ambos os conxuntos os vencedores foron  os da comarca do Baixo Campo.

Foi hai pouco máis dun mes, no marco da Copa do Rei, onde logo de que o partido chegase á prórroga tras a finalización dos 50 minutos de tempo regulamentario con resultado de empate a un, o Reus meteu tres goles máis, impedindo que o Liceo revalidara o título copeiro. 

O Reus, un equipo sorprendente

O cuarto clasificado na fase regular da OK Liga protagonizou a gran sorpresa da tempada logo de deixar fóra da finalísima o todopoderoso Fútbol Club Barcelona.

O lema que canta a súa afección en cada partido "Força Reus, ni Barça ni Liceo" é toda unha declaración de intencións sobre a filosofía vital deste histórico conxunto fundado no ano 1909 e que conta con cinco ligas no seu palmarés, aínda que a de 2011 é a única que conquistou no último medio século.

Ese mesmo ano accedeu á presidencia da entidade Mònica Balsells, unha das escasas máximas mandatarias dun club deportivo non so no ámbito do hóckey, senón na totalidade dos deportes colectivos masculinos a nivel estatal. Para ela, alcanzar a final, e máis despois de eliminar o Barcelona é "un soño", e máis tendo en conta, lembra, que lle chegaron a dicir "que con este equipo non xogaríamos nin a Copa do Rei".

Cunha media de idade de 24 anos, a descarada xuventude dos xogadores roig-i-negres supón toda unha ameaza para un Liceo obrigado a asumir o rol de favorito.

Comentarios