O Liceo da Coruña inaugura a tempada ante o Caldes na semifinal da Supercopa de España

Noia e Barça, que parte como favorito, disputarán o segundo partido.
liceo_hockey
photo_camera Lance dun partido da campaña pasada entre o Liceo e o Caldes (Foto: Hockey Club Liceo)

Os catro mellores equipos da pasada campaña disputan a partir deste sábado a 18ª edición da Supercopa de España de hóckey sobre patíns en Sant Sadurní d'Anoia (Barcelona), co Barça como favorito, e que servirá para abrir oficialmente a tempada.

O actual campión e vencedor da Liga Catalá, disputará a segunda semifinal, a partir das 21 horas, fronte ao anfitrión Noia Freixenet, que celebra o 40º aniversario do seu pavillón e recupera, tras 19 anos noutros equipos, ao veterano internacional Jordi Bargalló.

Mais antes (19 horas) será a quenda do Liceo da Coruña, segundo clasificado na pasada OK Liga e campión da Copa do Rei, que incorpora esta tempada a Álex Rodríguez, máximo goleador do torneo doméstico na última campaña co Reus. Abrirá as semifinais contra o Laser Caldes, que continúa a manter un bloque novo e moi competitivo, revelación nas últimas dúas tempadas.

A final será o domingo ás 19.45 horas. O Barça lidera o palmarés da Supercopa, con once títulos deste trofeo nas súas vitrinas, por dúas do Reus, Liceo e Vic, nunha competición que servirá para pór a proba os teóricos favoritos da OK Liga a unha semana do inicio.

Polémica europea

Por outra banda, continúa o cisma entre os mellores clubs europeos e a Liga Europea. Os 12 clubs que forman a Asociación Europea de Clubs de Hóckey Patines (EHCA), entre estes o Liceo, o Barça, o Reus, o Noia e o Caldes, anunciaron que non estarán este sábado no sorteo do máximo torneo continental por discrepar co sistema de competición imposto e n última instancia pola Federación Europea.

Cinco clubs portugueses (Sporting, Porto, Benfica, Oliveirense, Barcelos), o Forte dei Marmi italiano e o Saint-Omer francés son os outros equipos que manteñen este pulso.

Chegouse a un acordo para que a Liga Europea se disputase con dous grupos de oito equipos cada un, a dobre volta e partidos a xogar nas quintas feiras, algo que defendía a EHCA. Porén, 48 horas despois World Skate Europa recuou e mantivo o formato de catro grupos de catro clubs cada un e unha única volta.

Tras varias semanas de tirapuxas, a EHCA desmarcouse da Liga Europea e traballa na idea de crear unha nova competición que dea máis visibilidade a este deporte. A EHCA xa anunciou na cuarta feira que os seus clubs só xogarían a Liga Europea de se respectar o sistema acordado en primeira instancia.

Desta maneira, o hóckey patíns vive agora un caso similar ao protagonizado polo baloncesto hai uns anos, cando se organizou a Euroliga á marxe da FIBA. 

Comentarios