O Liceo conta as horas para o regreso da OK Liga de hóckey

Este sábado, a partir das 20.30 horas, enfrontarase en Catalunya ao Igualada, e dúas xornadas despois, ao Barça no Palau Blaugrana. 
liceo_hockey
photo_camera Un momento do partido contra o CH Caldes da tempada pasada (HC / Deportivo Liceo)

O Deportivo Liceo xa conta as horas para a súa estrea nunha nova tempada da OK Liga de hóckey. Este sábado, a partir das 20.30 horas, enfrontarase en Catalunya ao Igualada. Tan só dúas xornadas despois, na terceira, chegará o duelo de maior emoción no campionato, o partido ante o Barça no Palau Blaugrana. 

A pandemia, como no resto de deportes, será un condicionante nesta campaña que comeza e na que a Copa do Rei xa foi cancelada. A OK Liga conta este ano con 16 equipos, dous máis que a anterior despois de se acordar que non houbese descensos, mais si respectar os ascensos do Mataró e do Vendrell. Nun deporte onde os equipos cataláns son hexemónicos, isto suporá un maior gasto económico debido ás continuas viaxes á outra beira da Península. O Liceo traballa ademais para se permita o acceso de máis de 300 persoas ao Pazo dos Deportes, xa que o público é outra importante fonte de ingresos.

Altas e baixas

O obxectivo do Liceo é ir a máis, a pesar das dificultades que se albiscan, nunha liga que será moi complicada. Para isto, o club coruñés fichou dous xogadores de calidade contrastada: César Carballeira, que xa fora xogador do Liceo hai dous anos e que regresa esta tempada desde o Reus, e Jordi Adroher, un veterano que estaba a xogar até agora nas ringleiras do Benfica.

A respecto das baixas, Facu Bridge e Fabri Ciocale foron cedidos para que atopen maior protagonismo. Tamén sae Bruno di Benedetto, que non contaba con demasiados minutos baixo as ordes de Juan Copa. 

Nunha recente entrevista, o máximo responsábel do equipo liceísta asegurou que a motivación do equipo era moi alta. 

Das incorporacións de Carballeira e Adroher dixo que "César é da casa e está onde debe estar, nunha posición que necesitabamos", e "Jordi é un xogador top que achegará veteranía e bóla parada, dous aspectos que cumprían". "Tecnicamente é o mellor do mundo", salientou deste último.

O rival do sábado, o Igualada, é un histórico do hóckey que este 2020 fai 70 anos da súa fundación. No palmarés do club catalán figuran cinco Ligas, dúas Copas do Rei, seis Copas de Europa e cinco Copas Continentais. Non obstante, non vive na actualidade o seu mellor momento, e o Liceo ─un dos catro grandes da competición canda o Barça, o Reus e o Noia─ parte como claro favorito a se facer co triunfo.

Comentarios