O Liceo afronta a final ligueira con tres 'match-balls' ao seu favor

Duplo triunfo verdibranco na fase inicial do 'play-off'.
O Deportivo Liceo proclamouse campión da Copa do Rei (Foto: RFEP).
photo_camera O Deportivo Liceo proclamouse campión da Copa do Rei (Foto: RFEP).

Todo a favor para que o Liceo da Coruña levante, nove anos despois, o título da OK Liga. Os herculinos chegarán á segunda fase do play-off polo campionato -que volverá á acción o próximo 17 de xuño, sexta feira, ás 20.30 horas- con tres match-balls ao seu favor após pasar por enriba do Reus Deportiu no primeiro e segundo choque da eliminatoria.

Non obstante, farían mal os verdibrancos en confiarse e baixar a garda, pois agora os cataláns recuperan o sempre importante factor campo nos próximos dous encontros, o que unido á fama de mataxigantes que adquiriron os do Baixo Campo após eliminar nas semifinais o todopoderoso Fútbol Club Barcelona fai pensar que non será un camiño de rosas o que lle queda por diante ao Liceo de hóckey.

Con todo, na distancia seguirán contando cunha afección que se reunirá no Pazo dos Deportes de Riazor para seguir as evolucións do seu equipo, logo de que a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, confirmara na xornada de onte que o Concello instalará unha pantalla xigante que retransmitirá de balde o duelo galego-catalán.

Seguir os pasos xa andados

En Catalunya, o Liceo aspira a sumar un terceiro triunfo que lle asegure o título, e o camiño máis curto é seguir os pasos xa andados nos dous primeiros choques da eliminatoria.

No que a abriu impuxéronse os herculinos por 5-1 con total autoridade, nunha auténtica exhibición dos homes de Juan Copa, comandados por Di Benedetto e Adroher, sen restar mérito ás achegas de César Carballeira, Dava Torres ou Carles Grau desde a porta. Con respecto ao segundo, tónica similar, pois xa no minuto 2 de partido ía por diante un Deportivo Liceo que rematou por imporse por un resultado de 5-2.

Comentarios