O Liceo afronta ante o Caldes as semifinais da Copa do Rei de Hóckey

A escuadra galega buscará este sábado un posto na final.
O bloque será  a chave do éxito do Liceo (Foto: Mónica Arcay - Hóckey Global).
photo_camera O bloque será a chave do éxito do Liceo (Foto: Mónica Arcay - Hóckey Global).

O Deportivo Liceo de Hóckey afronta este sábado ás 17 horas ante o seu público do Pazo dos Deportes de Riazor as semifinais da Copa do Rei de Hóckey fronte o Recam Láser Caldes catalán coa vista posta na súa derradeira opción da tempada de conseguir un título, logo de finalizar en segunda posición na OK Liga e de caer eliminado en primeira fase na Liga Europea.

A escuadra herculina alcanzou esta penúltima rolda logo de superar nos cuartos de final unha dificilísima eliminatoria ante un Voltregà que ofreceu unha resistencia digna da cita e do contexto, e que obrigou o conxunto local a ofrecer as súas mellores prestacións.

Desde o primeiro momento atacou o Liceo, que non concedeu respiro ao sólido porteiro Blai Roca até que, quen se non, Jordi Adroher materializou o 1-0 inicial de falta directa para ledicia do millar de afeccionados e afeccionadas presentes nas bancadas de Riazor.

As oportunidades verdibrancas non se detiveron aí e Marc Grau e Franco Platero rozaron o segundo, pero o conxunto de Manolo Barceló non se deu por derrotado.

Así, Gerard Teixidó, desde posición afastada, enviou a bóla ao ferro de Carles Grau na que foi a ocasión visitante máis destacada nunha primeira metade que rematou co único tanto de vantaxe galega no marcador.

Non obstante, o segundo tempo mudou o guión inicial e Arnau Canal igualou o partido de penalti cando só pasaran dous minutos.

Pouco despois, Roberto Di Benedetto, cun disparo que tocou en Blai Roca antes de introducirse na rede, volvía adiantar os locais, pero Roger Font empatou para os branquiazuis a falta de catro minutos para a fin e convertía a prórroga nunha realidade. Afortunadamente, na lotaría do tempo engadido César Carballeira marcou o terceiro e definitivo tanto da vitoria do Liceo.

Comentarios