Libera insta os equipos de fútbol galegos a impulsar a adopción responsábel de animais

A organización considera que os equipos "máis mediáticos" -Celta, Lugo e Depor- deberían colaborar con esta causa como xa fan clubs da primeira división romanesa. De feito, o conxunto coruñés puxo en marcha este ano unha modalidade para facer socios animais, coa que un 15% dos ingresos van a protectoras.
Acción pola adopción responsábel en Romanía. (Foto: Asociación Animalista Libera!) #libera #fútbol #adopción #animais
photo_camera Acción pola adopción responsábel en Romanía. (Foto: Asociación Animalista Libera!)

A Asociación Animalista Libera! vén de solicitar aos equipos de fútbol "máis mediáticos" de Galiza, como son o Celta de Vigo, o CD Lugo e o Deportivo da Coruña que promovan a adopción de animais, importando o modelo colaborativo que xa puxeron en práctica varios clubs da 1ª División romanesa.

A iniciativa da entidade busca "imitar" ese acordo entre os clubs da máxima categoría de Romanía e a empresa xestora da competición, onde os xogadores de cada equipo saen aos campos con cans de diferentes entidades protectoras para visibilizar o seu traballo e tratar de impulsar as adopcións responsábeis tanto para eses animais que saen nas fotografías, como para outros.

Para os animalistas, a publicidade gratuíta que daría a campaña estaría a amortizar a medida de sensibilización por parte dos conxuntos.

Así, aluden a que no caso de Romanía o proxecto xa se volveu viral e saltou aos medios de comunicación de todo o mundo.

É por este motivo que Libera! anima os equipos galegos a que fagan "piña" con esta proposta de Responsabilidade Social Corporativa, "facilitando que os seus miles de socios, así como os clientes das plataformas de Pago por visión que cobren os encontros, accedan a unha información básica: moitos animais seguen en canceiras e refuxios á espera dunha familia responsábel".

"O custo da proposición é ínfimo e o retorno, en forma de adopcións e donativos para as entidades protectoras, é o suficientemente atractivo como para que os equipos e as empresas xestoras" queiran participar desta iniciativa solidaria, opinan desde a organización.

A afección animal do Depor

De feito, nesta tempada o Depor xa creou un apartado de "asociados" para poder dar de alta a animais como seguidores. O 15% do que se recada mediante esta iniciativa destínase a tres protetoras da comarca da Coruña. 

Alías, esa tarxeta deportivista tamén permitirá obter descontos nun futuro en estabelecementos relacionados co benestar animal.

Comentarios