O Leyma busca consolidar sensacións no final de 2022

A escuadra coruñesa di adeus en Albacete.
O conxunto herculino chega como favorito ao partido (Foto: Básquet Coruña).
photo_camera O conxunto herculino chega como favorito ao partido (Foto: Básquet Coruña).

O baloncesto masculino de prata despide o ano 2022 nunha derradeira xornada na que o Leyma Básquet Coruña, un dos dous representantes da Galiza xunto co COB Ourense -que xoga mañá-, busca consolidar sensacións sumando, por terceira semana consecutiva, unha vitoria.

O equipo herculino viaxa até Albacete para xogar na casa do Bueno Arenas ás 20.45 horas da tarde de hoxe nun choque no que a escuadra do país é favorita, pois esta ocupa a oitava posición con sete triunfos, mentres que a castelá-manchega é décimo sexta e antepenúltima despois de ser quen de imporse só en dúas ocasións.

Ademais, os locais chegan a este compromiso sumidos nunha negativa xeira de resultados, acumulando dúas derrotas seguidas, mentres que polo contrario os visitantes lograron vencer nos seus dous últimos encontros.

Porén, o preparador do Básquet Coruña, Diego Epifanio, indicou que, a pesar de todo o exposto anteriormente, e da condición de recentemente ascendido do seu rival, “están competindo moi ben nos partidos e sendo moi esixentes”. “Son un equipo no que moitos xogadores son novos na categoría, pero teñen moito ritmo, buscan ben as situacións un contra un e demandan o 100% dos seus contrincantes a nivel de concentración e esforzo físico”, engadiu o adestrador laranxa.

Sobre o tipo de encontro que agarda e as chaves do mesmo, Epifanio manifestou que “competir fóra sempre é complicado, e máis tendo en conta que as datas de Nadal levarán moita xente ao pavillón”, pero mostrouse confiado en que “conseguindo o control do rebote nos dous aros” os seus poidan imporse. 

IX Campus de Nadal do Monbus Obradoiro

O edificio do Corte Inglés de Santiago de Compostela foi a sede escollida polo Monbus Obradoiro para a presentación da novena edición do seu xa tradicional Campus de Nadal, que un ano máis volveu esgotar todas as prazas dispoñíbeis.

Neste 2022 desenvolverase ao longo de catro xornadas, desde onte día 26 até o próximo 30 de decembro, nas que os nenos e nenas participantes “gozarán de moitas actividades, aprenderán moito, farán novos amigos e amigas e pasarán un tempo fenómeno”, tal e como manifestou o director do campus e da canteira da escuadra capitalina, Camilo Riveiro.

Comentarios