Leyma e Breogán, a un paso do soño da final galega

Leite Río Breogán e Leyma Básquet Coruña están a un único partido de facer realidade o mellor dos escenarios posíbeis a comezo de tempada: aquel no que dous dos tres representantes do país na LEB Ouro se enfronten na gran final da fase de ascenso para facerse cunha praza na máxima categoría.
O preparador burgalés leva desde 2019 á fronte do conxunto lucense. (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera Diego Epifanio agarda ser quen de conducir os seus homes á vitoria (Foto: Leite Río Breogán).

Un último esforzo. Iso é o único que necesitan Leyma Básquet Coruña e Leite Río Breogán para protagonizar un momento histórico para o baloncesto galego, no que dous equipos do país se disputen a única praza de ascenso á Liga ACB na gran final da LEB Ouro.

Para conseguilo, os herculinos terán que superar Covirán Granada no segundo e decisivo partido da rolda de semifinais, previsto para este sábado ás 18.30 horas no Pazo dos Deportes de Riazor -choque para o que os boletos xa están á venda na web oficial do club-, mentres que os lucenses están obrigados a facer o propio como visitantes ante HLA Alacante tamén o sábado, aínda que a partir das 20.30 horas.

Ambas as escuadras galegas afrontan este escenario privilexiado grazas a ser quen de superar os seus respectivos rivais no primeiro partido das eliminatorias. Así, Básquet Coruña impúxose a Granada por 67-77 despois dun espectacular último cuarto, no que fixo alarde do seu excelso estado de forma e dun poderío físico sen competencia.

Porén, e a diferenza das malas estudantes, os coruñeses non agardaron até o último momento para facer os deberes, e arrancaron o compromiso cunha intensidade que os levou a finalizar o primeiro cuarto cun resultado favorábel de 18-23, sustentado no acerto en ataque e unha alta concentración en defensa que se prolongou tamén no segundo parcial, chegando ao descanso 34-38.

Á volta dos vestiarios os locais exhibiron a súa mellor faciana, conseguindo remontar e finalizar o terceiro cuarto cun 59-58 favorábel aos intereses andaluces, o que levou á súa afección a ilusionarse coa posibilidade de certificar a fazaña no cuarto e definitivo período, pero nada máis lonxe da realidade. O Leyma volveu apertar os dentes, recuperou a faciana da parte inicial do encontro e cunha poderosa defensa como chave estabeleceu o 67-77 definitivo.

Despois do partido, o técnico laranxa, Sergio García, dedicou a vitoria ao cadete Álex Seoane, que tivo que ser operado logo dunha lesión, e analizou o choque nun ton moi optimista por ser quen "de gañar ao líder da Liga regular", mais fuxiu de euforias sinalando que "só gañamos un partido, nada acabou, o importante chegará no segundo choque en Riazor".

O Breogán, sempre épico

Semella que o Leite Río Breogán non gusta dos viaxes plácidos, dos percorridos por augas tranquilas, senón que necesita gozar da excitación, da emoción dos resultados apertados que se deciden xa non no último cuarto, senón no derradeiro segundo. Isto foi o que viviu, unha vez máis nesta tempada, no primeiro partido da eliminatoria ante HLA Fundación Lucentum Alacante, a quen superou por 88-87 no Pazo Provincial no primeiro partido da eliminatoria.

Foi un choque tolo, de grandes momentos, de parciais a un e outro bando, pero en última instancia o que determinou que a vitoria caese do lado celeste foi o factor campo, a presión dun público que se fixo sentir como nunca e que conduciu o Breogán até unha vitoria que se decidiu a tan só 22 segundos do final, cunha canastra determinante de Sergi Quintela.

E iso que o parcial de 7-0 ao comezo do partido parecía apuntar a que sería un paseo militar para a escuadra lucense, mais resultou ser tan só un espellismo. A pesar de alcanzar un 30-13, co paso dos minutos cambiaron as tornas e os alacantinos chegaron a estar catro puntos por diante (34-38). Como apuntou o técnico do Breogán, Diego Epifanio, foi "un partido vibrante, dos que fan afección", e xustificou os sube e baixas no marcador lembrando que "isto son uns play-off, nos que calquera sempre pode gañar, e máis un equipo tan bo como o Alacante".

Comentarios