MACHISMO NO DEPORTE

Lete Lasa afirma que o Leis 26 outorgará a carta de liberdade ás deportistas acosadas

Ás xogadoras fóralles "secuestrada" a ficha após denunciaren ter sido acosadas sexualmente polo presidente do clube.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistirá á presentación do libro de Suso Morlán, 100 días para la historia, na que tamén estará presente o medallista olímpico, David Cal. Na sede da Secretaría Xeral para o Deporte. Estadio multiusos de San Lázaro.
foto xoán crespo
26/11/12
photo_camera Lete Lasa [Imaxe Xunta]

O secretario xeral de Deporte, Ramón Lete Lasa, avanzou na comisión primeira da Cámara --após se reunir co presidente do clube de fútbol sala Leis 26-- que a equipa outorgará a "carta de liberdade" ás xogadoras que denunciaron teren sido acosadas sexualmente por el. 

Lete Lasa fixo estas afirmacións en resposta á pregunta formulada pola voceira de igualdade do Bloque, Carme Adán, quen quixo coñecer as medidas que está a desenvolver o goberno galego a respeito deste caso e cales adoptará nun futuro para evitar que o "sexismo", a "discriminación" e a "violencia" contra as mulleres perviva no deporte. 

O secretario xeral de Deporte recuncou na súa intervención nas ideas expresadas pola secretaria xeral de igualdade, Susana López Abella, quen asegurou que se está a preparar un "código ético" para previr comportamentos machistas e o acoso no eido deportivo. Lete Lasa sinalou que este sería un "protocolo" de "obrigada adhesión" para concorrer a axudas públicas, ora ben, non explicou cal será o contido do mesmo nen as medidas que garantirán --de existiren-- o seu cumprimento por parte das equipas. 

Carme Adán (BNG) demandou cláusulas específicas que exixan a promoción do deporte feminino aos clubes e un "protocolo de actuación rápido" contra casos de acoso sexual no deporte

Unha "sociedade democrática" e "moderna" que se precie, dixo Lete Lasa, ten que "procurar a igualdade efectiva das mulleres" en todos os ámbitos e "combater o sexismo que lamentabelmente aínda hoxe atopamos". Unha declaración de intencións que aliñou con frases dunha "precursora" galega na loita contra a discriminación de xénero, Emilia Pardo Bazán. Ou iso cría el. A anécdota púxoa o erro cometido por quen elaborou a intervención escrita á que deu leitura o secretario xeral e que atribuíu a Pardo Bazán a coñecida frase --e traxectoria política-- de Concepción Arenal. "Abride escolas e pecharán cadeas", sinalou Lete Lasa. 

Desde o grupo parlamentar do BNG, Carme Adán, demandou unha disposición concreta no código ético que está a elaborar a Xunta na que se exixa para a concorrencia a axudas públicas a promoción do deporte exercido por mulleres e que sufriu unha "importante merma" nos últimos anos, asegurou Adán. Aliás, instou a desenvolver un "protocolo de actuación rápido" para abordar futuros casos coma denunciado polas xogadoras do Leis 26. 

Comentarios