"Renunciamos a presentarnos ás eleccións". Así de taxativo foi Augusto César Lendoiro en comparecencia de imprensa esta terza feira. O que foi presidente do clube durante os últimos 25 anos anunciou este mediodía que retira a súa candidatura ás eleccións e que abandonará o Dépor após estas se celebrar.
Segundo Lendoiro, o proceso electoral "está fracturando o deportivismo" e "non queremos producir máis división da existente". Neste senso e acompañado dalgúns dos seus conselleiros o de Corcubión retirouse da contenda electoral.
Após a retirada de Lendoiro, fican catro candidaturas á presidencia do Dépor, Paco Zas, Conchado, Manuel Cascallar e Tino Fernández. Embora o até o momento presidente asegurou que permanecerá no seu cargo até se desenvolveren as eleccións pois "hai que asinar o convenio" que determinará como afrontará o clube o pagamento dos 160 millóns de débeda que carrexa.
Nunha breve comparecencia de imprensa, convocada con poucas horas de adianto, Augusto César Lendoiro agradeceu "aos accionistas" o seu apoio e dixo ter contribuído, neste tempo, "a devolver o clube aos socios".