O convenio de acreedores, chave para garantir que o clube non baixe a Segunda B, e eventualmente desapareza, pasa pola substitución de Lendoiro e a escolla dun novo consello de administración. Mais Lendoiro se nega a asinalo.
A presión do principal poder fáctico da Coruña, o diario La Voz de Galicia, tería dado os seus froitos e a última proposta de convenio de acreedores levaría aparellada a saída de Lendoiro do clube.
A campaña de La Voz de Galicia contra Lendoiro intensificouse nos últimos días -se é que cabe falar de intensificación do que é un acoso e derrubo sen precedentes- e, colateralmente, focalizouse en Novagaliciabanco. O diario de Santiago Rey atacou o banco de propriedade estatal que dirixe o executivo Castellano -ex da Voz e ex tamén de Inditex- por non condicionar o convenio de acreedores -o banco é un dos principais tenedores de débeda branquiazul- á saída de Lendoiro.
Finalmente, esa condición acabou sendo posta sobre a mesa e Lendoiro é agora quen se nega a desbloquear a situación.
A proposta de convenio contempla unha quita da débeda situada no entorno do 33%.
Tampouco acepta a proposta o sindicato de futbolistas, pois estes aspiran a cobrar o 100% do que se lles debe. Isto último non sería posíbel se se aplicase as disposicións estabelecidas polo xuíz, en virtude das cales se considera débeda -e, portanto, suxeita a quita- as retribucións dos futbolistas que deberían ter sido devengadas antes de o clube ter declarado o concurso de acreedores, isto é, antes do mes de Xaneiro deste ano.
Neste momento, Lendoiro áchase no xulgado reunido co xuíz que leva o concurso, mentres as e os seareiros, através das redes sociais, teñen convocada unha concentración ás 20.30 horas perante a sede do clube, na Praza de Pontevedra.