O legado da folga de futbolistas de 1981

A acción colectiva no fútbol semella sucumbir ante o individualismo
Os clubs trataron de superar a folga usando xuvenís, o que levou ao debut de grandes nomes como Míchel, Chendo ou Pardeza. (Foto: Real Madrid).
photo_camera Os clubs trataron de superar a folga usando xuvenís, o que levou ao debut de grandes nomes como Míchel, Chendo ou Pardeza. (Foto: Real Madrid).

Non hai sitio para o colectivo no fútbol moderno, etiqueta  acuñada xa nos anos 90 do século pasado para definir a evolución vivida no deporte rei até alcanzar a situación actual, na que a afección é pouco máis que un número irrelevante nunha época na que o Mundial se disputará fóra das súas datas clásicas nun Estado que non respecta os dereitos humanos como é Qatar, equipos como Manchester City e PSG rebentan o mercado cos seus petrodólares ou magnates como Florentino e Agnelli argallan unha Superliga fechada de costas ao público.

En 1981 a cousa non era moi diferente en moitos aspectos. Empresarios da construción como Josep Lluís Núñez controlaban equipos do nivel do Fútbol Club Barcelona e gastaban cantidades multimillonarias en fichaxes, sendo o mellor exemplo os 1.300 millóns de pesetas da época que o propio Núñez e o Barça desembolsaron por Maradona.

Non obstante, existe un gran contraste daquel tempo a este. Hoxe, os xogadores de elite, coas súas lóxicas excepcións, carecen dun compromiso colectivo cos seus compañeiros, como demostran casos como os de Lionel Messi, que ampliou os seus estipendios en nove renovacións distintas, a última delas por unha cantidade superior aos 500 millóns de euros, unha cifra que -unida a outras malas decisións da directiva- deixou o club catalán na ruína, cunha débeda superior aos 1.350 millóns de euros.   

Polo contrario, en 1981 a inmensa maioría dos xogadores considerados profesionais -sendo unha das súas caras visíbeis a estrela do Real Madrid Vicente del Bosque-, apoiaron en masa a segunda folga na historia do fútbol español, logo da desenvolvida dous anos antes, en 1979.

As súas principais reivindicacións eran cobrar os máis de 350 millóns de pesetas que lles debían os clubs e acabar con varias normas burocráticas que limitaban o exercicio da súa profesión. Deste modo, a Liga 1981/82 suspendeuse na súa primeira xornada e, na segunda, os equipos optaron por formar con xuvenís. Porén un xuíz decretou a ilegalidade de substituír profesionais por amateurs, o que obrigou á patronal a negociar, que acabou cedendo ás demandas dos futbolistas.

As mulleres collen o relevo na loita

Catro décadas despois, son as mulleres as que lideran as reivindicacións no eido do fútbol a nivel Estatal.

A evolución da sociedade e do deporte feminino nos últimos anos non foi acompañada polos clubs e a Federación, que continuaban tratándoo como a unha actividade amateur.

Por iso, en novembro de 2019 as xogadoras dos 16 equipos que conformaban a máxima categoría -incluídas as do único representante galego, o Deportivo Abanca- convocaron unha folga que tivo un seguimento masivo, até o punto de que só unha futbolista en todo o Estado se presentou a xogar.

A súa loita estendeuse durante varios meses, até a sinatura en febreiro de 2020 entre os sindicatos e a patronal, representada pola Asociación de Clubs de Fútbol Feminino (ACFF) dun convenio colectivo pioneiro que incluíu un salario mínimo de 16.000 euros anuais, un gran avance tendo en conta que 80% ou non cobraba nada ou non percibía máis de 500 euros.

Porén, o sindicato AFE manifestou en recentes datas a súa "preocupación" pola lentitude nos avances pactados en 2020.

Comentarios