Lalín e Silleda acollerán este sábado as últimas probas da Liga Galega de Orientación

Os concellos de Lalín e Silleda contarán este sábado con probas da Liga Galega de Orientación. Olalla Bello e María Piñeiro, entre as candidatas a levar a vitoria feminina.
Unha corredora nunha das probas de orientación desta tempada, no concello de Noia (Foto: Xesta Natureza).
photo_camera Unha corredora nunha das probas de orientación desta tempada, no concello de Noia (Foto: Xesta Natureza).

Os concellos de Lalín e Silleda acollerán este sábado a 5ª e 6ª proba, respectivamente, da Liga Galega de Orientación a pé, que sumadas valerían para a nacional de Sprint. Organizada por Xesta Natureza coa colaboración da Federación galega e a española deste deporte, realizaranse entre as 11 e as 13 horas, no caso da capital do Deza, e entre as 17 e as 19 horas no do municipio silledesense. 

Un dos responsábeis da proba que forma parte de Xesta Natureza, Adrián Moreira, explica que esta fin de semana, sumando ambas as probas, sairán os nomes definitivos das campioas e campións das categorías feminina e masculina.

"O funcionamento será semellante ao doutras probas, contarán cun mapa do percorrido urbano cos puntos de control que teñen que visitar o máis rápido posíbel e na orde estabelecida", indica a Nós Diario.   

As saídas, a partir da hora indicada, serán cada minuto cun grupo de corredoras e corredores, entre un e catro por cada vez, evitando que vaian desde o inicio participantes da mesma categoría por idades coa intención de que non se sigan.

"Contamos que a duración será, nos mellores tempos, de aproximadamente uns quince minutos", apunta Moreira. 

Na categoría masculina de maiores non hai claros favoritos, o propio Moreira non participará por formar parte da organización aínda que si compite habitualmente con Montañeiros de Pontevedra.

"O primeiro non correrá e eu, que estou despois, tampouco polo que non poderiamos falar de deportistas en concreto para esta Liga", asegura este deportista. Un caso distinto é na feminina, onde "parten como favoritas Olalla Bello (Gallaecia) e María Piñeiro (SM Ártabros)", segundo este deportista.

En total, para este sábado inscribíronse 150 deportistas para a proba da mañá e a mesma cifra para a tarde, contando todas as categorías por idades que van desde os 12 até os maiores de 55 anos. 

Un deporte cada vez máis practicado na Galiza

"Este deporte está aberto a todas as idades e pódese entrar nel para pasar o tempo ou para introducirse a nivel elite", asegura o responsábel desta proba, "é así como temos a posibilidade de adaptar os percorridos e correr moito ou pouco segundo o teu estado físico", engade.

Este podería ser un dos motivos polos que hai cada vez máis persoas que se achegan á orientación a través de actividades lúdicas como as que organiza Xesta Natureza en toda a Galiza. "Eu mesmo comecei en 2007 e vexo a súa evolución, medrando ano a ano e aumentando o número de deportistas de calidade que participan  en probas internacionais".

Comentarios