Kosovo advirte que non xogará contra a selección española de teimar a RFEF en "subestimalo" como un "territorio"

Os dous equipos deben enfrontarse na fase de clasificación para o Mundial. A Federación española refírese a Kosovo como un "territorio" e non quere amosar os seus símbolos nacionais.

Kosovo fútbol

A Federación de Fútbol de Kosovo ameazou España con que non xogará na fase de clasificación para o Mundial de Qatar (2022) se a federación española teima en ‘subestimar’ a súa selección nacional.

A federación referiuse a Kosovo como un "territorio" e non como o que é, un estado independente. Ademais, o xornal deportivo Marca informou que a bandeira de Kosovo non se amosará durante o partido e que non se interpretará o seu himno.

O partido, que se xogará no estadio La Cartuja de Sevilla o 31 de marzo, será emitido por TVE, que tamén recibiu instrucións para non facer mención a Kosovo como estado independente ou nación soberana.

Kosovo independizouse unilateralmente de Serbia o 17 de febreiro de 2008. Porén, o Estado español é un dos poucos estados da Unión Europea - con Eslovaquia, Chipre, Romanía e Grecia- que non recoñece esta independencia.

Tanto a UEFA como a FIFA recoñecen Kosovo como membro de pleno dereito dende maio de 2016. Por este motivo, a federación de Kosovo, nunha dura declaración, considera "inxusto" o trato que a federación española quere dar.

A este respecto, lembroulle que os criterios da UEFA e a FIFA son moi claros, polo que haberá que despregar a bandeira e interpretar o himno.

Se non o fai, o equipo de Koovo rexeitará xogar o partido, aínda que tamén anunciou que reclamará protección á UEFA para facer cumprir a normativa.

Comentarios