O karate comeza a competición con cambios

A liga estatal de Karate comeza esta fin de semana en Guadalaxara cunha importante representación galega. Ademais de fortes medidas de seguridade para evitar contaxios da Covid-19, mudouse parte da regulamentación. Será obrigarorio o uso de máscara e acórtase a duración dos combates.
Ruth Lorenzo Couso (Federación Galega de Karate)
photo_camera Ruth Lorenzo Couso (Federación Galega de Karate)

Comezan as competicións para numerosos deportes de contacto. Esta fin de semana terá lugar en Guadalaxara a primeira fase da Liga Estatal de Karate das categorías cadete, sénior e para-karate.

Guadalaxara será o lugar que acollerá este ano a competición e até aló desprazarase unha representación galega formada na liga masculina por Xavier Santos Veiga (San Francisco Teo) en kumite sénior 67 kg e Víctor Mallo Rodríguez (EK Franza) tamén en kumite sénior 67 kg. Na liga feminina viaxarán Ruth Lorenzo Couso (San Francisco Teo) en kumite sénior 55 kg e Lucía Herrero Valcarce (River Stone) en kumite sénior 55 kg. Por último, competirá tamén Cristy Shedimar Tojo Velasco (Ávalon Kai) en kata de discapacidade visual.

Boas sensacións na representación galega

Ruth Lorenzo Couso, unha das deportistas que estará en Guadalaxara, competirá coa intención de mellorar os resultados do ano pasado nos que quedou subcampioa estatal. "Xa estabamos desexando volver á competición e con moitas expectativas de obter un bo resultado", asegura a Nós Diario. Ademais de loitar na proba como deportista exerce de adestradora e cre que leva un equipo moi bo que pode dar algunha sorpresa. "Este ano, pola súa experiencia, Xavier Santos tería posibilidade de estar no podio", explica, "tamén viaxarán para participar por primeira vez en sénior Víctor Mallo e Lucía Herrero", engade.

Muda a regulamentación pola Covid-19 

Por parte arbitral tamén haberá representación galega e estarán no inicio desta liga José Ignacio Muñoz Pérez e David González Vázquez. A situación é diferente a outras edicións e vaise notar tamén no colectivo arbitral. "Vai ser unha experiencia nova para todos os estamentos da competición, tanto a nivel organizativo como de deportistas e de árbitros", asegura a Nós Diario José Ignacio Muñoz.

Como actividade de contacto, polas actuais circunstancias da pandemia da Covid-19, estarán obrigados a implementar certas limitacións. "As e os deportistas deberán levar agora, ademais do bocado habitual desta disciplina, unha máscara protectora", informa Muñoz. Por este motivo, por primeira vez estrearanse modificacións no regulamento. "Acortouse o tempo de combate de tres a dous minutos, 33% menos", indica este árbitro galego. 

A partir desta fin de semana, nas competicións as e os deportistas deberán quecer na súa zona específica con máscara e logo continuar con ela cando entren na área de competición. Aínda así vai ser difícil por ter que traballar case con ausencia de oxíxeno. Para o colectivo arbitral tamén haberá normas novas que condicionarán o seu traballo, ademais de ter que levar tamén a máscara.   

"Suprímense os agarres para minimizar os riscos polo que o labor noso vai ter que ser moito máis pulida, teremos que mandar separar de maneira rápida", relata, "para manter na competición entre deportistas a distancia de metro e medio", engade. Admite que será unha proba que se terá de acondicionar en futuros campionatos segundo evolucionen os acontecementos e poidan ter máis experiencias. Para adaptar o karate á nova situación desde a federación estatal e a galega tiveron en conta directrices que partiron de varias experiencias europeas que logo se adaptaron ás normas propias. 

Prepararse coa situación de pandemia

Meses sen competir e ter que adestrar nunha situación ben diferente a outros anos marcou a preparación para competir. A nivel persoal, Ruth Lorenzo admite que "foi un pouco duro traballar sen saber nin cando nin como volveriamos aos campionatos" cando asegura que está acostumada "a traballar cuns obxectivos previos". Por ese motivo tivo que enfocar o seu adestramento en elementos máis xerais e "ter a mente aberta no sentido de non pór datas para estar en todo momento preparada para calquera cuestión".

Esta deportista sinala que non lle foi doado adaptarse, mais ten claro que deberán manter esa forma de actuar por tempo indefinido ao non saber cando rematará a pandemia da Covid-19.

A Federación de Karate foi unha das que tivo que adaptar os seus protocolos á nova norma que indicaba o uso obrigatorio da máscara nos adestramentos e na competición. Preguntada por esta medida, Ruth Lorenzo afirma que foi o que máis lle custou. "Con ela non respiras ben e cando comezas a suar pégaseche á cara", relata, "aínda que co paso dos días rematamos por acostumarnos, non queda outra", engade. Iso si, cre que “na competición será moito máis duro” mais agarda que non sexa unha dificultade para render ben.  

Comentarios