Judith Rodríguez gaña un bronce no Europeo de Esgrima en Cadeira

A galega suma así os primeiros puntos para París 2024
A galega xa sabe o que é catar un ouro internacional, sabor que de seguro volverá probar no futuro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A galega xa sabe o que é catar un ouro internacional, sabor que de seguro volverá probar no futuro. (Foto: Nós Diario)

A galega Judith Rodríguez engadiu un novo metal ao seu xa extenso palmarés coa medalla de bronce na modalidade de espada no Europeo de Esgrima en Cadeira de Rodas de Varsovia, sumando ademais uns valiosos primeiros puntos no camiño á clasificación para os Xogos Paralímpicos de París 2024.

Segundo informou a Federación Española de Deportes para Persoas con Discapacidade Física (FEDDF), a viguesa asinou unha poule inmellorábel con seis vitorias fronte as francesas Cassiopee Bourgine (5-2) e Brianna Vide (5-2), a turca Elke Lale Van Achterberg (5-2), a británica Emily Holder (5-0), a italiana Sofia Brunati (5-4) e a ucraína Nataliia Mandryk (5-4).

Rodríguez continuou demostrando o seu alto nivel nas roldas eliminatorias, onde derrotou a francesa Clemence Delavoipiere e a polaca Kinga Drozdz, o que lle permitiu pasar ás semifinais e asegurarse  o bronce. Con todo, non puido mellorar ese premio, pois caeu no último chanzo antes da gran final coa húngara Amarilla Veres, quen gañara o título paralímpico en Toquio 2020.

"Estou moi contenta co resultado, porque é unha competición de moito nivel, as mellores tiradoras estamos en Europa e entrei nas medallas. En semifinais a miña rival estivo mellor e gañoume, pero vou coa sensación de que podo estar coas de arriba", festexou a bronce continental.

Judith Rodríguez lembrou que "acaba de empezar o camiño a París", e que esta medalla era "un paso importante" para o seu "soño" de estar na capital gala en 2024. "Todo o que adestrei neste tempo viuse reflectido, e agora só queda traballar e ir a por máis", engadiu.

Este metal confirma o bo ano 2022 da galega, que xa subira ao podio antes deste Europeo en dúas probas da Copa do Mundo, facéndose cun ouro en espada e un bronce en florete.

Comentarios