Juan Domínguez sela o gol da traballada vitoria do Dépor en Ipurúa

Un gol de Juan Domínguez e o bon oficio defensivo selan a primeira vitoria do Deportivo no retorno á Primeira División.

LFP

Primeiro triunfo do Deportivo no campionato -primeira vitoria tamén branquiazul coa camisola da bandeira galega-, que lle permite sumar 3 pontos e afastarse da zona do descenso. Anecdoticamente, a equipa de Víctor Fernández ponse por enriba do Real Madrid na clasificación -4 pontos face 3. Non lle vén mal, tendo en conta que a equipa de Ancelotti é o próximo visitante de Riazor (vindeiro sábado, 16 horas).

Tivo detalles positivos o Deportivo no sempre difícil campo de Ipurúa. Defendeu con orde as xogadas de estratexia. Mantivo a posición. Lux estivo providencial en varias intervencións, moi seguro por alto. Estivo francamente ben Juanfran, na súa estrea, por diante de Laure, no carril dereito. Pon bos centros na área, o cal é toda unha novidade na equipa branquiazul. Dun deses centros seus naceu o gol no minuto 12 da primeira metade, a acción que decidiu o xogo. Balón á área. Pánico na zaga vasca. Postiga que molesta os centrais. Un zagueiro que se atrapalla. A bola que fica finalmente nas botas de Juan Domínguez, virado inopinadamente nun 9, á beira da área pequena. JuanDo que non falla.

Funcionou a dupla Bergantiños-Domínguez. Funcionou JuanFran. Enorme o traballo de desgaste de Postiga e Cavaleiro arriba

O Eibar mostrou o que é, unha equipa moi física e con moito entusiasmo. Mais o Deportivo conseguiu manter o tipo. Funcionou a dupla Bergantiños-Domínguez. Funcionou JuanFran. Enorme o traballo de desgaste de Postiga e Cavaleiro arriba.

Valiosísimo triunfo (tamén histórico, é a primeira derrota do Eibar en Ipurúa na Primeira División, a equipa vasca estréase esta temporada na máxima categoría). Agora a agardar polo Madrid de Ancelotti, que acaba de encadear dúas derrotas consecutivas.

Comentarios