Juan Carlos Real: "Estar sen equipo é o peor que lle pode pasar a un futbolista profesional"

O Huesca é, despois do Celta, o equipo da Liga con máis xogadores galegos: Pablo Insua, Pedro Mosquera, David Ferreiro e Juan Carlos Real (A Coruña, 1991), un 'trotamundos' do fútbol que desde 2019 contribúe a que o conxunto aragonés viva o seu mellor momento na historia, a pesar de que hoxe ocupan a última posición na táboa.
O galego leva sete partidos disputados esta tempada. (Foto: SD Huesca).
photo_camera O galego leva sete partidos disputados esta tempada. (Foto: SD Huesca).

Vostede, Pedro Mosquera, Pablo Insua, David Ferreiro... que se xuntase tanto galego na Sociedade Deportiva Huesca foi cousa da fortuna ou, quizais, débese a que desde Galiza sae un perfil de xogador que posúe unhas determinadas características que agradan na secretaría técnica do Huesca?

O certo é que penso que é cousa da casualidade, porque se nos analizas ben os catro somos perfís de futbolistas moi diferentes, e como este mundo do fútbol dá moitas voltas, pois coincidimos todos aquí.

Dentro do vestiario nótase ese peso que teñen os galegos alí? Fan vostedes ‘piña’, como se adoita dicir normalmente sobre os brasileiros ou os arxentinos?

Si que resulta especial que nos xuntásemos tanto galego, e tres da Coruña precisamente, pero non, non nos xuntamos tanto como fan os estranxeiros, que si que están máis unidos entre eles. Compartimos un vestiario moi amplo e á hora de facer equipo, formar un bloque, non procede xuntarnos só entre nós. De feito, precisamente por ser galegos levámonos ben con todos, sen necesidade de facer esa ‘piña’, como si que fan os arxentinos, por exemplo. 

Isto mesmo que resalta vostede, o feito de ser un bloque moi unido, é algo que se ve desde fóra e que xa transmitía o Huesca cando estaba na Segunda División o ano pasado. 

Si. Xa despois do descenso, á hora de planificar as cousas fixéronse pensando no medio e longo prazo, e logo do ascenso consolidáronse varios futbolistas que viñan de longo. A existencia desa continuidade é a que leva a que as ideas estean asentadas e a que os novos xogadores se adapten rápido, por ser un proceso que se desenvolve de modo natural.

Con todas as limitacións que impón a situación de pandemia na que nos atopamos, fóra do terreo de xogo quedan os membros da colonia galega do Huesca para facer cousas xuntos? Comer, xogar á videoconsola...?

Pois non moito. Non por ser ou non galegos, que se coincidimos, pois ben, pero cada un ten unha vida, familias, parellas... Lévome ben con todo o mundo, e teño moi boa relación con todos eles: comentamos cousas regularmente entre nós sobre o que pasa na Galiza, no Dépor... Por exemplo, ao principio de chegar aquí si que facía máis cousas xuntas con Pablo Insua, pero ímonos facendo maiores e temos outras obrigas [ri].

Con 29 anos xa militou en multitude de equipos, até o punto de que pode ser considerado un deses ‘trotamundos do fútbol’. Non obstante, dá a impresión de estar asentado na Sociedade Deportiva Huesca. É xa o equipo da súa vida?

Si que é verdade que, sen contar o Deportivo, nunca estiven no mesmo equipo dúas tempadas completas, o máximo ano e medio até chegar aquí. Xa que logo, iso era un pouco o que buscaba: asentarme, sentirme valorado a todos os niveis, esa era a miña intención. Levo moitos anos pelexando por chegar a xogar en Primeira Divisón, e é o que estou conseguindo aquí. Quero axudar a que este clube siga facendo historia.

Como di, agora está asentado, pero hai poucos anos viviu un lado amargo e escuro do fútbol profesional, que é ser un futbolista sen equipo. Como foi ese momento de verse no paro?

Foi uns dos meus momentos máis duros como profesional. Ti podes estar lesionado, descender... pero estar sen equipo é o peor que lle pode pasar a un profesional no seu traballo. Colleume, no meu caso, con 24 anos , unha idade perigosa, porque non tes ese percorrido, esa experiencia para saber como tomalo, pois aínda es novo e dubidas moito sobre ti mesmo. Vinme no medio do que move o fútbol, intereses entre clubes, representantes... cuestións que nese momento se me escapaban, e ao final o gran prexudicado é o xogador. Paseino moi mal. Van caendo as semanas, os meses, e nada... menos mal que puiden adestrar co Rácing de Ferrol, o que foi unha axuda tremenda, e estoulles moi agradecido. Pero a medida que pasaba o tempo sentín que iso non ía acabar así, que tiña moito que demostrar e que, con traballo e sacrificio, podería mostrar que aínda era quen de pelexar polos soños que tiña desde pequeno. Finalmente, tras catro meses sen equipo, tiven que asumir que en España ía ser complicado atopar un, e entón saíu a opción do CFR Cluj e tomei a decisión de marchar a Rumanía, porque o tempo ía pasando e nada. Observado con perspectiva, vexo que foi o acertado, malia que no seu momento foi un risco. Pero se non arriscas non medras e non gañas.

Comentarios