José María Fajardo: "Ningún récord quedará sen superar por manter distancias ou usar máscara"

Como ía José María Fajardo de Andrade pensar o que se lle viría encima cando a finais de 2018 accede á presidencia da Federación Galega de Tiro Olímpico... Tal e como el mesmo recoñece, "ninguén estaba preparado para unha pandemia", pero desde entón traballa para demostrar que a práctica deste deporte sen contacto físico "é totalmente segura".
A "seguridade" é o eido no que máis incide Fajardo (Foto: Fegato).
photo_camera A "seguridade" é o eido no que máis incide Fajardo (Foto: Fegato).

-Gustaríame comezar preguntándolle por este novo escenario no que estamos e que case poderíamos denominar poscovid... 

Non, non podemos falar aínda dun escenario poscovid. É máis, non debemos, porque non estamos en poscovid. 

-Como definiría entón o escenario actual?

Nós, desde logo, non estamos actuando como poscovid. O deporte estivo moi condicionado polo coronavirus, como todas as actividades humanas, e para poder reiniciar de novo a actividade tivemos que estabelecer unha serie de protocolos, en coordinación coa Secretaría Xeral para o Deporte, que están adaptados ás características e necesidades do noso deporte e que aínda seguen vixentes.

-Cales son esas características e necesidades específicas do tiro olímpico?

Se ben non existe un contacto físico directo, como pode existir nos deportes de loita, si que se comparten unha serie de instalacións e espazos que ás veces son abertos e ás veces fechados, e nos que nunhas ocasións hai distancia de seguridade abondo e noutras non. A panoplia de modalidades deportivas é moi variada, pero podemos falar de tres grandes ramas: o mundo da precisión, os recorridos e o tiro ao prato, todas coas súas características específicas que obrigaron a desenvolver un protocolo diferente para cada unha delas. 

Eses protocolos son bastante completos e abranguen eidos como a saída do domicilio aos campos de tiro, a chegada, a execución do adestramento ou da competición, a entrega de trofeos no caso de existir e o regreso ao lugar de destino. Aplicándoos correctamente, garántese que a persoa poida practicar o deporte en condicións de seguridade, porque o noso é un deporte que se leva a cabo en todo o territorio galego e, a pesar de que o número de contaxios é máis baixo que antes, entendemos que non debemos baixar a garda porque se ten lugar un contaxio nunha competición sería a nosa responsabilidade. 

-Até o de agora, a pandemia do coronavirus afectou de modo totalmente contraposto ás distintas modalidades deportivas, pois se ben algunhas federacións afirmaron perder un substancial número de practicantes, outras consideraron que as limitacións estabelecidas ao deporte non federado nos pasados meses motivaron que moitas persoas se decidiran a pagar unha ficha para poder practicar o deporte dos seus amores. En que escenario se atopa o tiro olímpico?

Nalgunha modalidade, como pistola aire, estamos en número récord. De todos os modos, quero destacar que no noso deporte as normas de seguridade que estamos mantendo son asumíbeis, non condicionan a práctica deportiva, e quizais por iso non notamos un descenso significativo, pois a cifra total é moi similar á de anos anteriores, non inferior, aínda que si é certo que se pode afirmar que flutúa: nalgunhas subiu, noutras baixou un pouquiño. 

A nosa intención é transmitir a mensaxe de que o deporte é saúde, non é enfermidade, non é Covid, e nós o que vemos é que a xente ten ganas de volver vivir, de volver relacionarse e de volver practicar deporte, que é algo que a día de hoxe é fundamental para as persoas. 

-Pondo o foco nesa modalidade en concreto, pistola aire, ten a peculiaridade de que a respiración é un dos factores máis importantes. Como regulou a Federación o uso dun obxecto que inflúe directamente neste ámbito como é a máscara?

Depende das condicións da galería de tiro. As de aire son fechadas por normativa, con iluminación artificial nuns niveis moi concretos. Entón, isto impide que se poida practicar ao aire libre, como sucede, por exemplo, co tiro ao prato. 

Hoxe sabemos que o contaxio da enfermidade está moi relacionado cos aerosois, a transmisión a través do aire, así que determinamos que naquelas galerías de tiro onde se permita unha boa osixenación, unha boa reciclaxe do aire, pódese baixar a máscara unha vez que a tiradora estea no seu posto. Isto está condicionado á ventilación dos sitios, con sistemas de renovación de aire e apertura nos seus dous extremos, pois como as galerías tenden a ter formas alongadas, fórmanse correntes de aire e mellora a ventilación. E para maior protección, fabricamos unhas pantallas de separación, que non existían nesta modalidade e que fan que se, por exemplo, alguén esbirra, resulte imposíbel que te salpique. 

-É vostede optimista ante a posibilidade de que o novo panorama que parece que se abre permita recuperar a normalidade absoluta no seu deporte, alén de máscaras e esas pautas que sinalaba e que multiplican as esixencias e o traballo para a súa federación?   

A nivel do tiro xa estamos nunha normalidade completa. Sempre, claro, mantendo unhas medidas de seguridade porque no noso deporte iso non supón unha diminución da calidade, alén de cumprimentar un papel, hixienizar o teu posto de tiro... ningún récord vai deixar de superarse por manter unha distancia ou usar unha máscara. Poden ser unhas pequenas molestias, canto tempo van durar? Depende. Algunhas están aquí, quizais, para quedar. 

Comentarios