José Cuba, o galego que reina na loita olímpica e que soña con estar en Tóquio

O xigante de Vilalba, 16 veces campión Estatal, pon o foco nos Xogos
José Cuba aspira a estar nuns Xogos Olímpicos con 40 anos de idade (Foto: Fegaloita).
photo_camera Durante toda a súa carreira o loitador galego defendeu as cores do Clube de Loita Vilalba. (Foto: Fegaloita).

O deporte na era poscovid-19 está implicando cambios en practicamente todas as disciplinas, pero hai unha modalidade que conta cunha proba que permanece inmutábel: o Campionato de España de Loita Libre Olímpica na categoría de menos de 125 quilogramos, que un ano máis, e van dezaseis, gañou o galego José Cuba Vázquez.

Este xigante de 1,87 metros de altura e máis de 100 quilos de peso da aldea de San Simón, en Vilalba, revalidou hai menos de dúas semanas no Centro de Tecnificación Deportiva de Los Alcázares (Murcia) a súa condición de campión estatal absoluto por décimo sexta vez aos seus case 40 anos, algo que, como recoñece a Nós Diario "nin en soños" se lle pasaba pola cabeza cando se introduciu "de forma tardía" neste deporte, cando contaba xa con 18 anos de idade.

Cuestionado pola chave do seu rendemento nunha modalidade deportiva na que xa hai tempo que compite con deportistas moito máis novos que el, o galego responde que non hai máis segredo que "o traballo", que este ano se viu especialmente condicionado pola pandemia da Covid-19, o que lle obrigou a "afrontar un tipo de preparación bastante diferente á habitual, dadas as circunstancias que estamos a vivir".

Sen competir desde o mes de febreiro, e adestrando con contacto tan só desde mediados de setembro, Cuba recoñece que non foi o Campionato de España no que se sentiu "máis cómodo", pero móstrase satisfeito tanto co resultado individual como co nivel colectivo dos seus rivais. "Dadas as circunstancias, a xente adaptouse bastante ben e desenvolvemos unha boa competición", engade.

Tras os pasos de Kristin Amstrong

A pesar de que o seu estado de forma e os seu éxito no último Campionato de España poidan indicar o contrario, o tempo -e a estatística- xogan en contra do loitador galego para alcanzar o seu soño de participar nuns Xogos Olímpicos.

Despois de estar a piques de conseguilo, aínda que sen éxito, nas tres últimas edicións -Beijing 2008, Londres 2012 e Río 2016-, a de Tóquio será a derradeira opción para un home que, de logralo, entraría na selecta lista de deportistas  que foron capaces de participar nuns Xogos con 40 anos, e na que están lendas como a ciclista estadounidense Kristin Armstrong, quen con 42 anos proclamouse en 2016 a muller con máis idade en gañar un ouro olímpico contra o reloxo.

Cuba explica que, logo de que se suspendera o circuíto internacional a piques de disputarse o preolímpico europeo de Budapest, previsto para marzo pasado, agora as súas ocasións de chegar a Tóquio pasan por facerse "cunha das catro prazas que quedan en xogo nas dúas quendas clasificatorias, unha a nivel europeo e outra a escala mundial".

E, como el mesmo indica, "se non hai nada que o impida, estarei nas dúas, porque teño moita ilusión por conseguir este reto tan difícil no que levamos máis de catro anos traballando". "Estamos moi ben, e agardamos que o día da competición se nos dean todas as circunstancias para clasificarnos. Por esforzo da nosa parte non quedará", conclúe este 'Sansón' da Terra Chá. 

Comentarios