Jessica Bouzas pon de moda o tenis galego nas pistas de Wimbledon

Os resultados destes días da tenista Jessica Bouzas nas instalacións londinienses de Wimbledon puxeron este deporte de raqueta na primeira liña da actualidade. Ademais, tamén no Reino Unido, o vigués Martín de la Puente quedou finalista en individuais e gañou en dobres xunto ao belga Joachim Gerard.
Jessica Bouzas en Wimbledon no seu partido contra Vondroušová o pasado 2 de xullo (Foto: Mike Egerton/PA Wire/dpa).02/7/2024 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Jessica Bouzas en Wimbledon no seu partido contra Vondroušová o pasado 2 de xullo (Foto: Mike Egerton/PA Wire/dpa).

Wimbledon xa é historia para o tenis da Galiza. O torneo que está a realizar estes días a vilagarciá Jessica Bouzas na capital do Reino Unido evidenciou que a eterna promesa xa é unha realidade. Con 21 anos foi quen de eliminar na primeira rolda a vixente campioa e número seis do mundo, Markéta Vondroušová, e na segunda desfacerse da moldava, aínda que representante do Estado español desde 2012, Cristina Bucșa, cun resultado de 7-6 (1) e 6-3, nunha hora e 50 minutos. Con estes resultados, a galega pasou esta quinta feira do posto 83 até o 79 no ránking da Women's Tennis Association (WTA). Agora, a tenista de Vilagarcía de Arousa (O Salnés) terá que enfrontarse en dezaseisavos hoxe a unha ex raíña de Roland Garros, a checa Barbora Krejcikova.

A traxectoria de Bouzas séguese na Galiza, malia que hai nove anos marchou a Alacant (Països Catalans) para adestrar na Academia Ferrer. Con todo, mantén o contacto deportivo, ademais de familiar e de amizades, como explica a Nós Diario o presidente da Federación Galega de Tenis (FGT), Xosé Mosquera. Coincidiu con ela nos torneos galegos de Vigo e Ourense, ademais de na cidade portuguesa do Porto no mes de febreiro, onde a tenista conseguiu o seu primeiro título do ano. “Vina moi mellorada”, asegura, “a nivel técnico fixo un moi bo traballo, agora con Roberto Ortega e antes con Javier Martí”, agrega. 

Mosquera lembra que a galega estivera neste mesmo histórico torneo londiniense o ano pasado mais non conseguiu pasar a primeira rolda tras perder ante a ucraína Kalinina, número 26 do mundo. Agora, o responsábel do tenis galego admite que “non ten ningunha dúbida de que este ano subirá moito” e, sen pórlle metas, agarda que “chegue ao número 50 do mundo e, se cadra, supere o 40 que logrou Lourdes Domínguez en 2006”. 

Aumento de licenzas

A presenza de Jessica Bouzas nos medios de comunicación estes días aumentou o interese por este deporte na Galiza. Malia ser un “deporte complexo”, como apunta Mosquera, o seguimento á tenista do Salnés “tamén sumou”. Nos últimos anos, sobre todo desde a pandemia da Covid-19, o número de licenzas aumentou. “Salvamos ese momento sanitario crítico pola propia esencia do xogo, que non ten contacto, mais despois seguimos medrando e hoxe pasamos das 7.000 licenzas”, asegura Mosquera. Algo tiveron que ver, ademais, as iniciativas que realizaron coas federacións  do norte de Portugal e outras próximas, como a de Euskadi, Asturias, Cantabria e Castela e León, coas que introduciron novas probas no calendario. 

"Non foron tantas como quixeramos e aínda que foi unha proposta que sacamos en 2022, non foi posíbel, polo de agora, atopar data para un torneo coas entidades federativas do Porto, Aveiro, Leiria e Coimbra", confesa. Porén, si que xurdiu outro proxecto engadindo algunhas comunidades autónomas do norte do Estado español. Naceu, desta maneira, o I Campionato Ibérico Absoluto de Tenis, que decorreu en dúas quendas (por circunstancias meteorolóxicas) comezando en decembro de 2023 na cidade de Ourense e rematando o mes pasado na mesma localidade. Nese torneo, en tenis masculino gañou Porto, por diante de Euskadi; e, no feminino, a vitoria foi para a Galiza (Celia Cerviño Ruiz e Eva Álvarez Sande) quedando como finalista nesta categoría Euskadi.

Entre os proxectos que anunciou o presidente da FGT cando foi reelixido para un segundo mandato en 2022 figuraba a popularización deste deporte, facilitando o seu acceso a través de novas instalacións e das que xa funcionaban en moitos municipios galegos. "Agora barallamos a posibilidade de contar coas pistas da Universidade de Santiago (USC) en Ourense, que emprega a comunidade universitaria e tamén outros deportistas", informa a Nós Diario, "ademais, entre varios organismos podemos amplialas e crear dúas máis", engade. Con esta proposta as persoas que practican este deporte recuperarían as pistas que desapareceron no complexo de Monterrei, en Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense). En relacións ás instalacións viguesas de Samil, Mosquera traslada que "seguen a ser as que empregamos como escola e para realizar torneos internacionais, aínda que agora están en obras".

Martín de la Puente

Por outra parte, o tenis galego tamén estivo presente esta semana en Londres no Lexus British Open. Martín de la Puente gañou esta sexta feira a final de dobres dese torneo formando parella co belga Joachim Gerard. Diante tiñan os xogadores dos Países Baixos Tom Egberink e Maikel Scheffers, no que foi un disputado encontro que durou case hora e media. O galego e o belga comezaron perdendo por 1-6 para remontar despois nun 6-2 e lograr a vitoria final de maneira épica por 10-7. Na proba individual, o vigués derrotou o indio Manojkanth Somasundaram e en cuartos eliminou o belga Joachim Gerard. Na final, pola contra, non logrou imporse ao británico Alfie Hewett, número 2 da clasificación mundial (4-6, 6-3, 4-6). 

Comentarios