Jacobo Garrido e Chano Rodríguez logran dous diplomas olímpicos para Galiza

Boa estrea na piscina da delegación galega nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
Chano Rodríguez, con 64 anos de idade, continúa nun estado de forma excepcional. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Chano Rodríguez, con 64 anos de idade, continúa nun estado de forma excepcional. (Foto: Nós Diario).

Os Xogos Paralímpicos comezaron dun modo -case- inmellorábel para a delegación galega desprazada até Toquio, logo de que os nadadores Jacobo Garrido e Chano Rodríguez sumasen senllos diplomas olímpicos.

O primeiro en saltar á piscina do Centro Acuático da capital xaponesa foi o coruñés Jacobo Garrido, clasificándose para a final dos 400 metros libres S9 co sexto mellor rexistro de entre todos os participantes (4.20.28). Horas despois, na finalísima, mellorou as súas prestacións até alcanzar unha marca de 4.17.41, abondo para escalar até a quinta praza e certificar un meritorio diploma olímpico, mais insuficiente para pelexar polas medallas. De feito, o campión, o australiano William Martin, asinou ao mesmo tempo o récord paralímpico (4.10.25), quedando moi preto da plusmarca mundial. 

Con respecto a Chano Rodríguez, o veteranísimo nadador vigués de 64 anos estreouse, quizais, na proba que menos se adapta ás súas características actuais e, con todo, foi quen de lograr clasificarse para a gran final, a vixésimo segunda na súa longa carreira, na que finalizou en oitava posición.

A participación galega na xornada de hoxe fechárona os tres xogadores de baloncesto en cadeira de rodas masculino: Agustín Alejos, Manuel Lorenzo e David Mouriz, aínda que o seleccionador, Óscar Trigo, optou porque tan só os dous últimos tivesen minutos na estrea da selección Estatal, actual subcampioa olímpica, fronte a Corea do Sur (65-53). De feito, Manu Lorenzo tivo unha participación bastante destacada, chegando a anotar oito puntos e a coller nove rebotes, cifras destacadas, aínda que lonxe dos 18 puntos e 13 rebotes de Asier García.

Chano regresa á acción 

Case sen tempo para descansar, Chano Rodríguez, demostrando que a idade é só un número, volverá nadar ao día seguinte de competir nunhas eliminatorias e nunha final, nesta ocasión na modalidade S5 dos 100 metros lisos, estando a primeira rolda programada para as 3.55 horas desta quinta feira. 

Ademais, os rapaces do baloncesto en cadeira de rodas tamén regresan á acción na madrugada. Agustín Alejos, Manuel Lorenzo e David Mouriz saltan á pista do Ariake Arena ás 4.15 horas para disputar un duro choque ante o Canadá. 

E no memo pavillón, aínda que a unha hora máis razoábel para a espectadora galega, as 10 horas da mañá, a selección española feminina de baloncesto en cadeira de rodas, na que está integrada a viguesa Vicky Alonso, tratará de dar a sorpresa ante o combinado estadounidense, vixente campión olímpico.

Comentarios