Atletismo

Adrián Ben, ao Europeo de Cross

Numerosa representación da Galiza na proba.
Adrián Ben está nun soberbio estado de forma (Foto: RFEA).
photo_camera Adrián Ben está nun soberbio estado de forma. (Foto: RFEA)

O lucense Adrián Ben liderará a Armada Galega no inminente Campionato de Europa de Cross, previsto para o 11 de decembro no lugar de Piamonte-A Mandria Park, en Turín (Italia).

O finalista olímpico e mundial formará parte das remudas mixtas xunto co burgalés Jesús Gómez logo de rematar segundo na proba selectiva levada a cabo en Itálica (Sevilla), un evento de eliminación no que a mellor entre as mulleres foi outra competidora do país, Solange Pereira, que participará na mesma categoría das remudas mixtas coa intención de sumar unha cuarta medalla continental ao ouro de 2018 e os bronces de 2017 e 2019.

O resto da representación galega estará concentrada nas categorías de base, e máis concretamente na Sub-20, onde serán da partida a ourensá Antía Castro e a valdeorresa Inés Docampo.

Quen sabe se no futuro ambas, grandes promesas do cross galego, chegarán a alcanzar os logros da máis grande da historia, Julia Vaquero, que recibirá un recoñecemento á súa traxectoria nun acto no INEF da Coruña mañá ás 19 horas.

Iván Sanmartín dirixirá o atletismo galego

Cambio de goberno na cabeza do atletismo do país. Despois de 16 anos á fronte da Federación Galega -estruturados en catro mandatos- Isidoro Hornillos, quen entrou na institución xa en 1987 en calidade de director deportivo, dá un paso a un lado.

O seu substituto á fronte do ente logo da súa renuncia á reelección será Iván Pablo Sanmartín Carreira, un home nado en 1975 que leva practicamente toda a súa vida en contacto directo co mundo do deporte, en xeral, e co atletismo en particular.

Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte no INEF da Coruña, ademais de dar o salto á xestión federativa foi atleta, árbitro, xuíz, directivo, coordinador de distintas escolas e clubs, delegado e vicepresidente de Estrutura Territorial da Federación Galega de Atletismo.

Ademais, en O Pino, concello onde traballa como técnico deportivo municipal, creou un club que dirixiu ao mesmo tempo que ocupaba a Vicepresidencia da Federación Galega de Atletismo durante as dúas últimas lexislatura de Hornillos.

O seu principal obxectivo nesta nova etapa será "abordala toda ela como un gran proxecto conxunto no que a toma de importantes decisións vaia da man dunha gran capacidade de xestión, negociación e entendemento tanto coas principais institucións públicas e privadas como cos distintos estamentos do tecido atlético galego".

Non obstante, para o seu nomeamento oficial haberá que agardar até o vindeiro día 12 de decembro, cando se converterá no décimo oitavo presidente da Federación Galega de Atletismo desde a súa creación, no ano 1921.

Con el estarán conformando a Comisión Delegada de entidades deportivas a Atlética do Sil, o Atletismo Negreira e Atletismo Santiago. Da de atletas se encargará Carlos Fraga Adrio, mentres que a de adestradoras queda en mans de Ángel Fidalgo, completando a Comisión Delegada o xuíz Eloy Bretal Cancelas.

Comentarios