Iván García, Pablo Patiño e Tania Castiñeiras 'mollan' no Open de Sofía

Magnífico papel do taekwondo galego en Bulgaria.
Os medallistas galegos en Sofía (Foto: Fegata).
photo_camera Os medallistas galegos en Sofía (Foto: Fegata).

A expedición galega volve de Bulgaria cun botín de tres medallas. Iván García (+80, Mat´s) acadou a medalla de prata, mentres que Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Pablo Patiño (-68, Patiño) lograron o bronce.

García conquistou a segunda praza do podio no peso pesado facendo unha gran competición e rematando "feliz" polas boas sensacións sobre o tapiz. Para alcanzar a gran final tivo que superar no penúltimo chanzo o kazaxo Ruslan Zapharov, todo un oso duro de roer xa clasificado para os Xogos Olímpicos.

Non obstante, na finalísima non foi quen de imporse a Emre Kutalmis (Turquía), tricampión de Europa Sub-21. Neste combate a Iván custoulle encontrar bos os ocos para atacarlle, e aínda que o combate estivo moi igualado e fermoso, non puido vencer. 

Bronces con sabor a ouro de Patiño e Castiñeira

Pola súa banda, Pablo Patiño volveu á Galiza cunha medalla de bronce logo de asinar unha competición excepcional na que tivo que actuar en cinco combates. Na primeira rolda superou claramente (21-1) ao francés Matar Sarr, e na segunda derrotou un dos grandes favoritos para o triunfo final, Cristian Mcneish (Inglaterra), quen fora campión de Europa en 2018.

Despois do cabeza de serie número tres caeron o sueco Jan Fiala e o exipcio Abderrahman Wael, mais o xordano Zaid Kareem, vixente campión de Asia, privou Patiño de disputar a final.

Finalmente, Tania Castiñeira tamén foi quen de subir ao terceiro lugar do caixón após superar á alemá Darija Husovic nos cuartos de final.

Desafortunadamente, na penúltima rolda agardaba unha contrincante durísima, a tricampioa do mundo Bianca Walkden, contra quen a representante galega estivo a piques de dar a sorpresa.

Comentarios