Iván Feijóo aspira a ser o primeiro galego campión do mundo Sub-23

O alaricano conta con opcións no Mundial de Ostende
A saída da carreira está programada para as 13.30 horas de hoxe. (Foto: ZubikoPhoto).
photo_camera A saída da carreira está programada para as 13.30 horas de mañá. (Foto: ZubikoPhoto).

O ciclismo galego ten mañá unha cita coa historia, pois por vez primeira un corredor do país podería pisar o podio dun Mundial, ou mesmo chegar a facerse co triunfo final, esperanzas que recaen nas pernas do rei do ciclocrós patrio, o alaricano Iván Feijoo, que ás 13.30 horas tomará a saída no circuíto belga de Ostende.

O tricampión de España avala a súa candidatura cun resultado de peso: o terceiro posto asinado hai dous meses na Copa do Mundo de Tabor, e agora, no seu terceiro e último Mundial como Sub-23, Feijoo pretende superar o resultado obtido o pasado ano 2020 en Dübendorf (Suíza), onde foi o sexto clasificado.

O corredor do Nesta-Skoda Alecar considera que "a forza e a técnica serán chaves", e que chega a esta competición "ben de sensacións, e estando moi motivado despois dunha tempada tan boa, así que espero poder mellorar o resultado do ano pasado ou, polo menos, estar na loita por conseguilo".

Sobre o peculiar circuíto no que se desenvolverá o Mundial, Iván Feijoo apunta que, efectivamente, este é "un pouco diferente aos doutros anos por ese sector que ten na praia". A principal característica do circuíto de Ostende, que posúe 2.900 metros de lonxitude, é que conta con dúas zonas completamente diferenciadas unidas por unha gran ponte, que ten 135 metros de longo e unha pendente do 21% por cada un dos seus lados.

A saída efectuarase desde o sector instalado sobre o hipódromo, que conta cunha superficie que está maioritariamente poboada por herba, e a través da citada ponte os participantes accederán ao tramo deseñado sobre a praia, sen dúbida o de maior dificultade, que conta con máis de 550 metros de lonxitude. Unha vez completado este, os ciclistas volverán ao hipódromo para afrontar a parte final do trazado antes de atopar a meta.

Compatibilizando o deporte cos estudos

Para preparar a cita máis importante da temporada, Feijoo concentrouse durante esta semana co combinado estatal en Altea. O ciclista galego foi o último en incorporarse a esta convivencia en terras alacantinas, debido a que tivo que cumprir cos seus compromisos académicos na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. 

O de Allariz terá como compañeiro de selección en Ostende o catalán Jofre Cullell. O máximo responsábel do combinado estatal, Pascual Momparler, ten claro que "este é o equipo máis interesante co que temos contado nos últimos anos, e calquera dos nosos dous Sub-23 (Feijoo e Cullell) poden soñar con facer algo grande".

Por outra banda, e aínda que non contará con representación galega, a carreira feminina tamén dispón de moitos alicientes para as amantes deste deporte. Programada para mañá domingo ás 13.30 horas, unha vez que remate terá lugar a proba masculina Elite, prevista concretamente para ás 15.10. A Elite feminina, pola súa banda, será ás 15.10 horas de hoxe.

As carreiras na categoría Elite poderán seguirse pola canle de televisión Eurosport, mais lamentabelmente a categoría masculina Sub-23, na que compite Iván Feijoo, non será emitida. Xa que logo, a única alternativa para seguir a proba en tempo real serán as canles de comunicación da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) e o cancelo en Twitter #TeamESPciclismo.

Comentarios