Italia recupera folgos para o Mundial

A Eurocopa finalizou con Cristiano Ronaldo como máximo goleador.
Italia soubo manter a tensión até o final diante Inglaterra e conseguiu empatar o encontro cun gol de Leonardo Bonucci (Europa Press).
photo_camera Italia soubo manter a tensión até o final diante Inglaterra e conseguiu empatar o encontro cun gol de Leonardo Bonucci (Foto: Europa Press).

Non podiamos agardar unha final mellor para un escenario mítico para o fútbol mundial como o estadio Wembley de Londres. Inglaterra e Italia, por circunstancias diferentes, precisaban dunha vitoria para recuperar o seu prestixio. A primeira non lembraba alzar unha copa desde 1966 e a segunda tiña que esquecer quedar sen poder xogar o último Mundial en 2018, algo que non lle pasara en 60 anos de historia. 

A final seguiu a tónica doutros partidos nesta Eurocopa, cun resultado axustado que iniciou Shaw cun tanto para Inglaterra nun cedo minuto 2, récord para unha final destas características, que conseguiu neutralizar, xa na segunda parte, Bonucci no minuto 67 para a selección Azzurra. Italia, no seu xogo, desterraba o catenaccio como fórmula gañadora e asentábase cada vez máis no terreo.

Os de Mancini contaron coas cartas da prórroga e os penaltis diante a desesperación dun público inglés que, dentro e fóra de Wenbley, ollaba como se lle escapaba outra oportunidade de reencontrase co seu deporte nacional.

O gardameta italiano Donnarumma, con dúas paradas antolóxicas, encargouse de certificar a volta da súa selección ao lugar que se merece para desesperación do equipo de Gareth Southgate.

A Eurocopa dos récords

Pasará tempo antes de que se esqueza este campionato europeo. Marcado pola pandemia da Covid-19 tivo que suspenderse o ano pasado e realizarse este nunhas condicións moi singulares, distribuíndo por primeira vez na súa historia en once sedes. Ademais esta edición estivo marcada por varios récords deportivos, algúns ben singulares. O primeiro é o número de goles anotados, 142 en total, dos que 11 foron en propia meta.

Como máximo goleador quedou o portugués Cristiano Ronaldo con 14 dianas. No aumento de goles -en Francia 2016 foran 108- tiveron algo que ver os penaltis. Houbo 17 sinalados en xogo ademais dos catro encontros, incluída a final, que se resolveron a través da pena máxima.

Como anécdota, conseguiuse este ano o tanto a maior distancia da historia desta competición: Patrick Schick anotou cando estaba a 49 metros da portería de Escocia. 

Esta Eurocopa tan atípica serviu como primeiro prato do que será o Mundial de 2022 que terá lugar en Qatar do 21 de novembro até o 18 de decembro. Un escenario diferente no que poden aparecer novas sorpresas. Ademais, os equipos contarán con menos de 500 días para  recuperarse animicamente deste pasado trofeo, coa excepción de Italia que recuperou folgos e volveu a endereitar o seu camiño na procura da que sería a súa quinta copa do mundo.    

Comentarios