EN LALíN

Irmandinhos A Estrada e Fillas de Breogán fanse coa Copa da Asociación de Fútbol Gaélico

Imandinhos A Estrada, no apartado masculino, e Fillas de Breogán, no feminino, gañaron a primeira edición da Copa da Asociación de Fútbol Gaélico, en partidos que se disputaron na tarde do sábado en Lalín.

irmandinhos
photo_camera irmandinhos

O campo Manuel Anxo Cortizo de Lalín acolleu na noitiña do sábado os encontros nos que se disputaba a Copa da Asociación Galega de Fútbol Gaélico.

O equipo masculino de Irmandinhos A Estrada impúxose por 20-10 ao Estrela Vermella de Compostela, mentres que Fillas de Breogán gañou o encontro que disputou fronte as Irmandinhas por 23-17.

Ambas as finais foron moi disputadas e non se resolveron até o último minuto. No caso da final masculina, os composteláns comezaron mellor e remataron a primeira parte cunha vantaxe dun tanto no marcador. Porén, na segunda metade, os da Estrada foron superiores, malia que non sentenciaron o encontro até que faltaban cinco minutos para o final.

No caso do encontro feminino, as coruñesas, invictas na competición ligueira e cunha marcha imparábel na Copa, foron quen de se impoñeren diante dunhas Irmandinhas que acudiron a Lalín cun cadro moi xusto.

O broche de ouro a esta xornada de fútbol gaélico foi a entrega de trofeos. Os MVP do torneo foron Eva Lago de Fillas de Breogán, que repite galardón individual despois do acadado na Champions, e David Fuentes "Kana", dos Irmandinhos. A entrega de premios finalizou cos trofeos aos equipos campións e cun terceiro tempo ao máis puro estilo fútbol gaélico

Após as finais do sábado volve a Liga Galega de Fútbol Gaélico, cuxa segunda volta comezará de seguido.

Comentarios