As irmandiñas do fútbol gaélico

A selección galega de fútbol gaélico está en plena preparación do Euro2018, a disputar en Bretaña o 11 e 12 de agosto e no que participan seleccións como a alemá, a bretoa ou a francesa, entre outras. “Imos a por todas”, afirman as xogadoras galegas.

futbol gaélico seleccion galega

“As seleccións rivais xa teñen un recoñecemento para o que é a selección galega”. Laura, xogadora do Fillas de Breogán e unha das capitás da selección feminina de fútbol gaélico, lembra que a galega foi unha das primeiras seleccións de xogadoras deste deporte, un combinado que acumula malia a súa curta existencia unha importante bagaxe de experiencia internacional, participación en mundiais incluída. En menos de dúas semanas, as seleccións galegas – feminina e masculina- estarán en An Oriant (Bretaña) para disputar a Euro2018, unha cita na que se medirán no marco do Festival Intercéltico con rivais dun alto nivel.

futbol gaélico

Anxela é outra das capitás. Xoga no Estrela Vermelha e posúe a experiencia de representar Galiza en dous mundiais deste deporte de berce irlandés que nestes anos se estendeu por todo o planeta. “Podemos xogar coa baza da experiencia”, opina, ao tempo que di ter a “sensación” de que a esta competición “chegamos mellor do que o fixemos a outras citas internacionais”. Salienta Anxela, a maiores, que a Liga Galega feminina é moi competitiva “e iso é unha vantaxe, é o que lle dá nivel á selección galega”. Ambas as dúas, Anxela e Laura, coinciden en sinalar Francia como o gran rival a bater e que a selección galega labrouse nestes anos un respecto e recoñecemento entre os rivais.

“As seleccións rivais teñen un respecto pola selección galega” (Laura, capitá)

“O noso profesor foi youtube”

Pablo é canda Santi o adestrador da selección feminina. “Temos un equipo compensado e competitivo”, resume, “e a Bretaña imos a por todas”. Tamén el sitúa Francia como o principal rival na Euro2018, unha competición que preparan cun ollo posto no mundial de Dublín de 2019: “Vai ser un salto cualitativo, en Bretaña vaise tomar o pulso a cal é a realidade da selección galega”.

Pablo explica que nestes 8 anos de existencia do fútbol gaélico en Galiza a evolución foi “incríbel”. Desde que o coruñés Wenceslao García Zapata volveu dunhas vacacións en Dublín en 2010 abraiado con este deporte até agora o salto foi espectacular. Dunha disciplina totalmente ignota en Galiza a ser o noso país un exemplo para outros. “Antes, cando comezamos, o noso profesor era youtube” lembra sorrindo Pablo, “e agora imos a cursos impartidos pola GAA – asociación oficial de deportes gaélicos-“.

“Ao Euro2018 chegamos mellor do que o fixemos a outras citas internacionais”(Anxela, capitá)

IMG_7805

Santi, pola súa parte, explica que a Euro2018 está orientada a fomentar o fútbol gaélico xogado en cada país “por nativos” e non por equipas integradas por emigrantes irlandeses. Unha diferenza que tamén se dá no Estado español. Así, mentres os clubs galegos están formados por xogadores galegos, as principais referencias de Madrid ou Barcelona teñen entre fundadores e xogadores un importante núcleo de irlandeses.

Santi mira con optimismo a cita que se vai disputar en An Oriant en menos de dúas semanas: “Vexo bastantes posibilidades de que fagamos un bo papel”, di, e ten claro que “a selección galega a nivel feminino está no top”.

Compromiso e sacrificio

Ambos os dous adestradores louvan o compromiso e implicación das 14 xogadoras que van representar Galiza na Euro. “O que fan é para sacar o sombreiro”, recoñece Pablo: “Facer horas en coche para vir a adestrar, gastos en gasolina e peaxes…”.

“A selección galega a nivel feminino está no top” (Paulo e Santi, adestradores)

Uxía, do Estrela Vermelha, debutará coa camisola da selección galega en Bretaña. “Para min é unha honra competir con Galiza”, afirma. Esta rapaza compostelá que practicou diversos deportes até, hai un ano, comezar co fútbol gaélico é a máxima goleadora da Liga Galega. Ela tíralle ferro ao récord goleador: “O importante é o equipo, todas nós, o colectivo”.

seleccion futbol gaélico

“Para min é unha honra competir con Galiza” (Uxía, xogadora)

Uxía iniciouse no fútbol gaélico por casualidade: “Vin un partido por televisión, era un Galiza-Francia, e gustoume. Así que no verán achegueime a ver adestrar o Estrela Vermelha e xa me enganchei”. A xogadora compostelá fai fincapé “no bo ambiente” e en que este deporte non caeu en mans do negocio: “É un deporte diferente, transmite uns valores, todas nos levamos ben dentro e fóra do campo…”.

Para representar Galiza no Euro2018 hai convocadas 6 xogadoras do Fillas de Breogán, 4 do Estrela Vermelha, 2 de Herdeiras de Dhais, 1 do Pontevedra e 1 do Auriense.

Comentarios