Fútbol Gaélico

As 'irmandiñas' derrotan Bretaña (15-0) e clasifícanse para a fase final do Mundial de Irlanda

A selección galega feminina pelexa esta cuarta feira por ser primeira do seu grupo. A selección masculina derrotou Asia (28-1).

gaélico galicia
photo_camera Foto: @selegalega

As 'irmandiñas' xa están clasificadas para a fase final do Mundial de Fútbol Gaélico que se disputa en Irlanda até o 2 de agosto, Após derrotar a unha vella coñecida, Bretaña, (15-0), a selección galega feminina disputará esta cuarta feira ser primeira do seu grupo. No que vai de Mundial, as rapazas acumulan tres vitorias (Bretaña -dous triunfos-, USA Heartland) e unha derrota con Toronto.

A selección galega masculina venceu na tarde desta terza feira a Asia (28-1), equipo que xa derrotou na xornada inaugural. Os 'irmandiños' derrotaron tamén USA Pearse mais caeron perante New York, un dos equipos grandes nesta competición. A equipa emproa a fase final do Mundial.

A selección galega masculina enfrontarase a outros 24 equipos onde destacan algúns tan fortes como Nova York, San Francisco, Francia, Canadá, Australia, Bretaña ou Arxentina. No feminino competirán 17 seleccións, destacando tamén as estadounidenses, Canadá, Rusia ou Francia, entre outras. O torneo estruturarase nunha primeira parte de liguiña onde os primeiros clasificados accederán logo á loita polo título mentres os demais pasarán a competir nas fases “Plate” e “Shield”. Nos próximos días sortearanse os grupos.

En 2015 a Gaelic Athletic Association (GAA) creou os xogos mundiais, que nesta terceira edición reúnen 85 equipos e máis de 1.200 xogadores e xogadoras de todas as partes do mundo. O evento acollerá unha fase “Irish” na que só xogan irlandeses que viven fóra de Irlanda e outra “Native” na que compite Galiza e outras seleccións formadas por deportistas non irlandeses

Comentarios