A Irmandiña xa está nas semis do Estatal de fútbol sala

A selección sub-16 elimina Castela-A Mancha.
Gañou A Mancha en penaltis. (Foto: RFGF)
photo_camera Gañou A Mancha en penaltis. (Foto: RFGF)

A semifinais. A selección galega Sub-16 feminina certificou o seu pase á última eliminatoria do Campionato de España de fútbol sala tras superar Castela A Mancha na quenda de penaltis despois dun partido que foi unha auténtica montaña rusa.

O combinado da Galiza protagonizou un exercicio de madurez extraordinario no momento chave do torneo, logrando así un boleto para loitar por unha praza na gran final dun Estatal que se está desenvolvendo en Murcia.

Tanto a selección galega como a manchega chegaban ao encontro decisivo da fase de grupos após golear Melilla, mais ninguén agardaba unha tolemia tal que rematou o tempo regulamentario co marcador mostrando un 4-4 despois de constantes intercambios de golpes entre un e outro equipo.

A cousa comezou ben, coa Irmandiña poñéndose por diante nos segundos iniciais (Claudia), pero A Mancha foi quen de remontar en apenas sete minutos, da man de Andrea e Laura. Devolvería as táboas ao electrónico Sara Couso no 15, máis no 19 Silvia volvía desequilibrar o partido.

Con ese marcador chegouse ao último tramo do xogo, cando primeiro Antía ('33) e logo Emma Ganfoy ('37) deixaron a selección galega a piques de fechar unha vitoria que impediu Laura a un minuto do final. Xa nos penaltis, a Galiza estivo mellor: 3-1.

Comentarios