A Irmandiña quere o seu primeiro título

Comeza a participación da selección galega na Copa das Rexións UEFA.
Ás 19 horas da tarde de hoxe, contra a República de Irlanda Amateur en Cambados, terá lugar o debut da Irmandiña. (Foto: RFGF).
photo_camera Ás 19 horas da tarde desta sexta feira, contra a República de Irlanda Amateur en Cambados, terá lugar o debut da Irmandiña. (Foto: RFGF)

A Copa das Rexións UEFA arranca esta sexta feira coa Galiza como sede dun torneo que pode converterse no primeiro título oficial conquistado pola selección galega de fútbol.

Non estarán os Iago Aspas, Gabri Veiga, Borja Iglesias e compañía, pois os protagonistas son os xogadores non profesionais, mais ese factor non lle resta importancia ao desafío de conquistar o torneo máis importante do fútbol afeccionado a nivel continental.

Este, logo da concesión por parte da UEFA, desenvolverase integramente en territorio galego. Concretamente, os campos de fútbol de Burgáns (Cambados), Baltar (Portonovo), A Senra (Ribadumia) e A Lomba (Vilagarcía de Arousa) serán os encargados de albergar os encontros correspondentes a esta fase final da Copa das Rexións.

Ademais, as instalacións deportivas do Real Club Celta e os campos de fútbol do Salvador Otero (A Illa de Arousa), San Pedro (Vilalonga), O Revel e o Municipal de Baltar únense á infraestrutura de instalacións que se utilizarán durante a competición para que adestren as oito seleccións participantes.

Con respecto ao calendario, o torneo comeza esta sexta cun enfrontamento entre Lisboa (Portugal) e Dolnoslaski (Polonia) en Portonovo ás 17 horas da tarde, que se disputará de forma paralela ao Zlin (República Checa)-Belgrado (Serbia) programado en Vilagarcía de Arousa.

Unha vez que conclúan, ás 19, será a quenda do debut da Irmandiña, que medirá forzas  coa República de Irlanda Amateur en Cambados. Ao mesmo tempo, Zenica-Doboj (Bosnia e Hercegovina) e Bavaria (Alemaña) baixarán o pano da xornada inaugural en Ribadumia.

Para asistir á segunda data da Copa das Rexións UEFA -partidos aos que se poderá acudir de balde sen excepcións, ademais de poder seguilos a través da canle de Youtube da Federación Galega de Fútbol- haberá que agardar até o domingo 11, no que a Galiza colisionará con Zenica-Doboj ás 19 horas. 

Tres días máis tarde, o 14 de xuño, rematará a primeira rolda cunha terceira xornada na que a selección galega xogará coa bávara. De avanzar de rolda, disputaría a finalísima ás 19 horas do sábado 17 de xuño.

Comentarios