A Irmandiña do futuro acumula triunfos

A selección galega Sub-19 de fútbol sala xa está nos cuartos do Estatal.
Os rapaces dirixidos por David Pena caeron 1-0 no penúltimo partido da primeira fase, derrota que non impediu a súa clasificación. (Foto: Futgal).
photo_camera Os rapaces dirixidos por David Pena caeron 1-0 no penúltimo partido da primeira fase, derrota que non impediu a súa clasificación. (Foto: Futgal).

As seleccións galegas masculinas de fútbol sala Sub-16 e Sub-19 caeron no dobre enfrontamento ante Andalucía na terceira e penúltima xornada da fase de grupos do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Afortunadamente, a pesar da derrota, a Sub-19 certificou de forma matemática o boleto para os cuartos de final, mentres que a Sub-16 xogarase o pase hoxe nunha última xornada que promete ser todo tensión e emocións fortes.

Con respecto aos menores de 19 anos, os rapaces dirixidos por David Pena perderon ante Andalucía nun encontro moi igualado e con numerosas ocasións para a Galiza, aínda que os locais acabaron facéndose co triunfo por unha mínima renda dun tanto a cero. Con este resultado, e a falta da última xornada da fase de grupos, o combinado andaluz fecha a súa clasificación para a rolda de cuartos de final como primeiro de grupo, mentres que a selección galega finalizará como segunda. Estremadura, Murcia e Castela e León fican sen opcións de avanzar no torneo.

Movendo o foco até a Sub-16, esta, con seis puntos, medirase a Castela e León, que suma tres, mañá ás 10.15 horas cun ollo posto no Murcia-Estremadura.

A Federación cambia o procedemento ante os positivos

Importante novidade no fútbol galego. A partir de agora, e con base na resolución de 23 de marzo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial, a Real Federación Galega de Fútbol determinou que os positivos en Covid-19 nos distintos equipos xa non sexan causa para a suspensión de partidos.

Isto significa que non se atenderán as solicitudes de aprazamentos motivadas por casos Covid-19 "sempre que se dispoña do número suficiente de xogadores ou xogadoras estabelecido no artigo 239 do Regulamento Xeral -"non poderá autorizarse a suspensión dun encontro salvo razóns de forza maior, e en ningún caso poderán invocar os clubs padecer enfermidade salvo que causen baixa simultaneamente 15 futbolistas"-, o que afectará non só o fútbol modesto, senón que tamén será norma no ámbito doutras disciplinas como o fútbol sala ou o fútbol gaélico.

O 'play-off' da Terceira busca sede

Esta fin de semana remata a fase regular da Terceira RFEF, que esta tempada dominaron claramente tres equipos: Polvorín, Ourense e Somozas, primeiro, segundo e terceiro clasificado con 65, 64 e 63 puntos, respectivamente, máis de dez sobre os seus máis inmediatos perseguidores, O Barco e Rápido de Bouzas, que suman 51.

Xa que logo, aínda está por decidir o nome tanto do único conxunto que ascenderá de forma directa como dos outros catro que terán a posibilidade de loitar polo ascenso á Segunda RFEF nun play-off do que sairá un gañador que deberá disputarse a outra praza contra un rival doutra federación territorial.

Esa fase de ascenso galega levarase a cabo nunha sede única, en formato de eliminatorias, tal e como marca a normativa da competición aprobada pola Federación Española de Fútbol, e para designar devandita sede a Federación Galega enviou un convite a todos os clubs do país para que os interesados poidan presentar as súas candidaturas, as cales serán analizadas por unha Comisión de Valoración que tomará a decisión final.

Comentarios