Irlanda leva en Lalín a Celtic Cup de fútbol gaélico

A Irmandiña xogou a Celtic Cup na capital do Deza. O 11 de marzo volven as competicións de clubs.
A Irmandiña feminina quedou ás portas de gañar ás irlandesas (Foto: AGFG).
photo_camera A Irmandiña feminina quedou ás portas de gañar ás irlandesas (Foto: AGFG).

A selección galega de fútbol gaélico continúa cos seus encontros de preparación para a cita que ten o vindeiro mes de xullo en Irlanda nos Xogos Mundiais. Un deses compromisos foi en Lalín, na Celtic Cup de fútbol gaélico

No estadio Manuel Anxo Cortizo da capital do Deza, a selección feminina recibía a Kilmacud Crokes, club fundado en 1959 no sur de Dublín, que ten a honra de ser o club con máis xogadoras e xogadores de toda Irlanda (perto de 5.700). As dublinesas viaxaron co seu equipo Intermediate, o que sería o seu equipo B. Kilmacud chegaría ao descanso por diante pola mínima (9-10), e acabaría levándose o partido por un só gol de diferenza (22-25) ao contar cada gol por tres puntos. 

Triangular masculino

A Irmandiña masculina, pola súa parte, participou  nun triangular xunto con Madrid Harps (actuais campións de clubs de Europa logrado en outubro na Coruña) e C.L.G. Ghleann Fhinne, club fundado no centro do Condado de Donegal en 1975.

O triangular abriríano os equipos foráneos, caendo a vitoria do lado irlandés por 16-9. No segundo partido da competición, os galegos impuxéronse con contundencia aos madrileños por 20-8. O título, finalmente, viaxaría até o Condado de Donegal ao gañar o derradeiro e definitivo partido por 14-9 á selección galega. 

A liga volve en marzo

O vindeiro 11 de marzo retomaranse as competicións de clubs no gaélico galego da Liga feminina e o comezo do All-Galiza masculino.

Febreiro rematou cos Fillos de Breogán (A Coruña) como campións de primeira división ao imporse no último partido a domicilio ao seu rival directo, o Keltoi Vigo, por 34-36. Desta forma, os da cidade herculina acabaron a competición invictos, co  seu cuarto título consecutivo.

Da mesma maneira, o Auriense coroábase como rei da segunda división a falta dunha xornada logo de contar tamén os seus partidos por vitorias, certificando o título ao imporse 24-30 na casa do Turonia.

Pola súa parte, a liga feminina continuará en marzo ao ter comezado un pouco máis tarde. Na cabeza hai un triplo empate entre Estrela Vermelha, Turonia e Fillas de Breogán que encabezan as compostelás pola diferenza de goles.

Comentarios