Irene Trabazo e Saúl López fanse coa Copa Galiza de Ciclocrós 2020

O campionato galego pon fin á tempada este domingo
Trabazo ocupou o primeiro chanzo do podio na categoría Elite, estando escoltada por Conde e Barros. (Foto: FGC).
photo_camera Trabazo ocupou o primeiro chanzo do podio na categoría Elite, estando escoltada por Conde e Barros. (Foto: FGC).

A edición máis atípica da Copa Galiza de Ciclocrós chegou á súa fin. Nun contexto completamente condicionado pola pandemia da Covid-19 -que obrigou a configurar un calendario de probas reducido e a disputala baixo estritos protocolos de seguridade- emerxeron triunfantes as ciclistas Irene Trabazo (XSM) e Saúl López, que se impuxeron na clasificación xeral da categoría Elite, ademais de na carreira da quinta e derradeira xornada de competición, que se desenvolveu na localidade de Maceda. 

A diferenza do acontecido o día anterior no Porriño, a lama non xogou un papel determinante no XIII Ciclocrós Castelo de Maceda–Copa Deputación de Ourense, onde a marinense Irene Trabazo completou o seu pleno de triunfos na Copa 2020 logo de superar nesta proba a Carla Fernández (Río Miera), estando escoltada no podio da clasificación xeral por Xiana Conde (Academia Postal-Maceda) e Marías Jésus Barros (Spol), segunda e terceira respectivamente na categoría raíña feminina. 

Na masculina, e aínda que ao líder Saúl López bastáballe con rematar terceiro para adxudicarse o triunfo en Elite por segundo ano consecutivo, o monfortino saíu mentalizado para conseguir a súa terceira vitoria da tempada. 

Na proba -organizada polo seu clube-, o representante do Academia Postal-Maceda rodou nas dúas primeiras voltas xunto o segundo clasificado na xeral, Daniel López (Cambre-Renault Caeiro), e Brais Sendín (Louriña), pondo terra de por medio no terceiro xiro ao circuíto do Castelo e acabando primeiro con 35 segundos de vantaxe sobre os seus perseguidores, que mantiveron un pulso pola segunda praza que se decantou a prol do coruñés do Cambre, sendo a orde de entrada na liña de meta a mesma que reflectiría tamén a clasificación global do ránking Elite.

Sen sorpresas no resto de categorías 

A coroa por equipos da Copa Galiza 2020 correspondeu neste 2020 ao Avanza-O Porriño, mentres que no resto de categorías as corredoras e corredores que recibiron os últimos maillots de líderes foron Uxía Soto (Avanza) e André Martínez (Avanza) en Cadetes; Laura Mira (Avanza) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en Júniors; Carla Fernández e David Fernández (Avanza) en Sub-23; Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Rubén Deaño (Ourense Termal) en Máster-30; Sonia Costoya (Corbelo) e José Rodríguez 'Tami' (Norinver) en Máster-40; José María Magariños (Condado Bikes) nos Máster-50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos Máster-60. 

O Ciclocrós non para

A fin da Copa Galiza non pon o punto e final para o ciclocrós do país neste ano 2020, pois aínda queda por disputar, este domingo día 27 de decembro, o Campionato da Galiza.

O concelleiro de Deportes de Ferrol, Antonio Golpe, presentou hoxe unha proba organizada polo Club BTT Esmelle e que está previsto que se desenvolva na localidade departamental a partir das 10.30 horas.

Por mor das circunstancias sanitarias, que todo o cambian, a carreira desenvolverase "nunha pequena burbulla" -tal e como explicou Antonio Grandal, presidente do BBT Esmelle- sen público, e na mesma só participarán arredor de 200 corredores e corredoras, cando en anteriores edicións as cifras alcanzaban as 400. 

Comentarios