O inicio das ligas aviva o conflito entre Federación Galega e clubes

Resoan tambores de guerra no fútbol galego desde que a Federación fixo pública a súa intención de retomar as competicións a partir do vindeiro 24 de xaneiro. Ducias de equipos de todo o país rebélanse contra esa decisión e denuncian o "desmedido" castigo estabelecido pola entidade presidida por Rafael Louzán para aqueles que se neguen a competir esta tempada: o descenso de categoría.  
O protocolo da RFGF estabelece a realización de tests aos xogadores... cada 14 días. (Foto: RFGF).
photo_camera O protocolo da RFGF estabelece a realización de tests aos xogadores cada 14 días. (Foto: RFGF).

Cando faltan tan só cinco días para que finalice o prazo de dúas semanas estabelecido pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) para que os distintos clubes das principais categorías de ámbito nacional -Preferente, Primeira Galiza, Primeira División Galega Feminina, Liga Galega Xuvenil, División de Honra Cadete, Liga Galega Cadete e Liga Galega Infantil- se inscriban na categoría que lles corresponda para competir na campaña 2020/21, non deixa de medrar unha bóla de neve que ameaza con pór patas arriba todo o panorama futbolístico.

Porque, a pesar de que a Federación sacou peito recentemente anunciando que se alcanzara "a cifra de 75% de inscritos con respecto á totalidade en todas as categorías de base activadas, con casos como a división de Honra Cadete, na que se está preto de 100%" -algo que viría a reafirmar a súa tese de que "a práctica deportiva é segura"-, non son poucos os equipos de todo o país que xa anunciaron publicamente a súa intención de non competir esta tempada.

O medo á Covid-19 está detrás desta drástica decisión na meirande parte dos casos, e a pesar de que a Federación di "entender perfectamente" e "respectar a todos os que prefiren non competir agora mesmo", coa norma na man abócaos ao descenso de categoría: "Producida a renuncia ou retirada a participar  nunha competición, tanto pola falta de inscrición do equipo no prazo sinalado como pola renuncia expresa formulada dentro do mesmo prazo, o conxunto así retirado non poderá participar en ningunha competición federada na tempada 2020-21, quedando adscrito para a campaña 2021-22 na división inmediatamente inferior".

Moitos cartos en xogo

A pesar das presións por parte da Federación Galega para o reinicio do fútbol no país á maior brevidade posíbel, a cousa non lle vai resultar doada, pois numerosísimos clubes de todas as comarcas xa fixeron público o seu rexeitamento. Así, nas Mariñas  a proporción de equipos que se negan a xogar é de tres por cada un que aceptou retomar a competición. Nos subgrupos da Costa e Santiago da 1ª Galiza Grupo 2 tamén son maioría os que están en contra de xogar ao fútbol, situación que se replica en Ourense e en moitas outras zonas da Galiza. Xa se fala abertamente de "plante".

Un representante dun conxunto da área metropolitana da Coruña -que prefire non facer público o seu nome- explica para Nós Diario que detrás das presións e as "ameazas" federativas aos distintos equipos para que se inscriban nas competicións "están os cartos".

"Hai moito diñeiro en xogo, e a RFGF é perfectamente consciente de que vive de nós, os clubes. No meu caso, só para que poida xogar o equipo de Terceira Autonómica pagamos 135 euros por cada ficha, que son máis de 3.000 polo total do cadro de xogadores. Ademais, hai que sumar as arbitraxes, que en Modestos son 1.800 euros. E as multas polos cartóns vermellos e amarelos, algo que é unicamente recadatorio e que deturpa o espírito do xogo", di.

Este presidente dun clube modesto revela que "a maioría de xente do mundo do fútbol coa que falei está moi enfadada, porque ven que na Federación o único que lles importa é comezar canto antes para poder cobrar. E se no segundo ou terceiro partido de Liga se produce unha situación de emerxencia sanitaria e hai que parar indefinidamente a competición? Non hai articulado ningún sistema pola súa banda para devolvernos a parte proporcional das mutualidades e das licenzas".

As présas da RFGF

Se non son os cartos, cal podería ser a razón detrás das  présas da Real Federación Galega de Fútbol por reanudar a competición, e máis cando cada día novos clubes fan pública a súa intención de non competir?

Tampouco a coñecen os equipos de Segunda e Terceira Autonómica de Compostela, que nun comunicado conxunto consideraron "abraiante" a decisión do ente federativo de retomar o fútbol "nas circunstancias nas que nos atopamos". 

"E máis -afirman- tendo en conta que a competición sería unha ruína para gran parte dos clubes, pois os ingresos veranse reducidos pola limitación de público nas bancadas e nas cantinas, e polos problemas cos  patrocinadores, que xa non están en condición de axudar os equipos, o que fai imposíbel afrontar unha tempada tan curta e con tantas restricións".  

O falso dilema entre seguridade e paixón: os modestos téñeno claro

Nas categorías máis modestas do noso fútbol, como o seu propio nome indica, o deporte rei "é un pasatempo, non un modo de vida". Iso é o que lembran conxuntamente os equipos que conforman a Segunda e Terceira Autonómica de Compostela. Por esa mesma razón sinalan que non queren caer nun falso dilema entre a saúde e a súa paixón: "Non temos necesidade ningunha de pór en risco nin a seguridade dos nosos xogadores nin a das súas familias. Pode soar a demagoxia barata, pero cústanos comprender por que non podemos cear coas nosas familias no Nadal pero si podemos adestrar con 20 persoas que non son nin achegados e, aínda que a alguén lle poida resultar difícil de entender, non queremos que exista nin a máis mínima posibilidade de que un brote no fútbol faga subir a incidencia acumulada e provoque restricións nalgúns dos nosos concellos, o que tamén danaría moitísimo a imaxe do clube afectado".

Amais, representantes dos conxuntos modestos quéixanse de que a Federación Galega "non tivo en conta a nosa opinión para nada. Que custaba enviarnos unha nota, un cuestionario, pedir ideas...? Quizais así saberían que tiñan en contra o 85% de todos nós".

Comentarios