Unha iniciativa transforma redes abandonadas en material deportivo

Balonmán ou hóckey benefícianse do proxecto.
De esquerda a dereita, Susana Ortiz, Ángeles Millé e os capitáns dos equipos masculino e feminino do Club Balonmán Porriño (Foto: Abanca).
photo_camera De esquerda a dereita, Susana Ortiz, Ángeles Millé e os capitáns dos equipos masculino e feminino do Club Balonmán Porriño (Foto: Abanca).

Abanca presentou en Vigo no día de hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial dos Océanos, o proxecto Redes Vivas, unha iniciativa que consiste en recuperar redes de pesca abandonadas para transformalas en material de uso nos campos deportivos.

Na presentación participaron as directoras de Márketing e de Sustentabilidade do banco, Susana Ortiz e María García; as redeiras artesás de Malpica Carmen Villanueva e Ángeles Millé; así como Saray Sanmartín e Jonathan Vila, capitás dos equipos feminino e masculino do Club Balonmán Porriño, un dos beneficiarios da iniciativa.

Redes Vivas abarca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, desde a súa reciclaxe até a súa colocación en canchas e campos deportivos de clubs patrocinados polo banco no marco do seu programa Abanca Deporte Base

Esta iniciativa chega cada ano a case 20.000 deportistas de preto de 1.700 equipos.

Deste modo, os aparellos recuperados serán empregados en seis disciplinas distintas: fútbol, balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, caiac polo e hóckey herba. 

Até o momento recicláronse 1.384 quilos de redes extraídas das costas, que se transformaron, grazas ao traballo das redeiras, en 1.514 metros cadrados de material deportivo, que serviron para renovar 78 portarías de 39 clubs de toda a xeografía galega.

As redeiras artesás de Malpica Carmen Villanueva e Ángeles Mille mostraron a súa satisfacción por poder colaborar cun proxecto deste tipo, que "ademais de coidar a contorna" permite "achegar innovación" e "dar a coñecer" e "visibilizar" o traballo que realizan.

Comentarios