domingo 01/08/21

Inglaterra busca o 'espírito do 66'

Dinamarca é o seu último obstáculo para xogar unha final 55 anos despois
A afección inglesa agarda acabar co meigallo que os acompaña desde que Bobby Moore levantara o título de campións en 1966. (Foto: EP).
A afección inglesa agarda acabar co meigallo que os acompaña desde que Bobby Moore levantara o título de campións en 1966. (Foto: EP).

No mundo do fútbol ten moita sona a maldición de Bela Guttman, aquel técnico húngaro que da man do gran Eusébio levou o Benfica a gañar dúas copas de Europa consecutivas entre 1961 e 1962. Despois da segunda, esixiu un aumento de soldo á directiva, pero esta respondeu despedíndoo. Indignado, dixo: "Sen min, o Benfica non volverá gañar un título europeo". Meu dito, meu feito.

O meigallo das Águias lisboetas ten xa 59 anos, pero pouco se fala do da selección inglesa, que acumula xa 55 anos sen gañar nada. A última vez que levantaron un título o número 1 nas listas de éxitos británica era o Paperback Writer dos Beatles, e as súas estrelas eran Gordon Banks, Bobby Charlton, Alan Ball ou Bobby Charlton, o único dos catro que aínda segue con vida a día de hoxe.

Desde entón, os Pross alcanzaron até catro veces a rolda de semifinais -nas Copas do Mundo de Italia 1990 e Rusia 2018 e nas Eurocopas de Italia '68 e Inglaterra '96-, pero por unhas ou outras razóns sempre remataron por caer derrotados. 

Hoxe ás 21 ante Dinamarca os Kane, Sterling e compañía teñen a oportunidade de facer esquecer o tropezo ruso rachando definitivamente cunha historia de decepcións que lastrou as xeracións de estrelas como  Shilton, Keegan, Lineker, Gascoigne, Shearer, Rooney, Gerrard ou Lampard.

Para logralo terán que pasar por enriba da selección revelación do torneo e a que conta con máis apoio popular no continente a causa da simpatía que espertaron os xogadores daneses desde a súa modélica actuación dentro e fóra do terreo de xogo a raíz do colapso sufrido polo seu capitán, Eriksen, na partido inaugural do torneo ante Dinamarca.

Non obstante, aínda sen o talentoso xogador do Inter de Milán -que a pesar de salvar a vida e ser operado con éxito, segundo apuntan medios próximos ao club nerazzurri, ten complicado poder volver vestir de curto de novo-, o conxunto danés destapouse como un sólido bloque ben configurado polo seu seleccionador, Kaspar Hjulmand.

Ademais, nomes como o porteiro Kasper Schmeichel -fillo do tamén gardamallas Peter Schmeichel, parte fundamental da Dinamarca campioa europea no 92-, Simon Kjær, os ex do Celta Daniel Wass e Mathias Jensen ou o goleador Kasper Dolberg demostraron en repetidas ocasións que son moito máis que unha mera peza na engrasada engrenaxe de Hjulmand,  polo que a pesar de contar co factor campo ao seu favor, mal farían os Three Lions en confiarse, pois o favoritismo nesta Eurocopa non é sinónimo de vitoria, como poden acreditar desde a súa casa Francia, Portugal e Alemaña.

comentarios